Valoración política do orzamento municipal

A Asemblea pola Unidade apoia o orzamento municipal para este ano 2017 e matiza o seguinte:

Do mesmo xeito que o ano pasado fixemos unha valoración sobre o procedemento e elaboración dos orzamentos este ano queremos volver a recalcar as melloras que observamos e facer autocrítica nos aspectos que ao noso entender temos que mellorar.

Positivamente temos que dicir que se introduciron melloras na elaboración do orzamento de forma que as partidas son moito máis claras e fáciles de entender, que nos axudarán ao longo do ano a mellorar a xestión das nosas áreas.

Para nós hai puntos que son claves para lograr os orzamentos desexados, un deles é a transparencia, entendendo como tal, a capacidade de que calquera veciña ou veciño de Cangas sexa capaz de ler e entender os orzamentos pola súa conta, sen precisar a axuda técnica. Neste punto avanzamos pero aínda estamos lonxe do que para nós é idóneo.

O orzamento ten que ser participativo, xa o é en parte, xa que as demandas veciñais e os colectivos recóllense, pero a participación vai máis alá, será efectiva cando a elección  dos proxectos se faga por sufraxio en concorrencia competitiva con criterio definido e coñecido.

Por suposto teñen que ser transversais, básico para evitar duplicidade e garantir unha mellor xestión.

Temos que ser autocríticos nos tempos, na demora, xa que o asunto máis importante da xestión municipal non pode iniciar a súa aprobación en marzo. O ano pasado xa o dixemos e este ano repetímolo, que para nós o orzamento débese empezar a discutir e traballar en setembro e así o seguiremos demandando ata logralo.

No que atinxe ao punto (polémico) da dotación económica para o persoal, nós consideramos imprescindible e urxente que o concello teña unha Relación de Postos de Traballo onde sexan analizados os postos de traballo, as carencias, as distribucións do persoal, a racionalización administrativa e a dotación axeitada de cada departamento municipal. Unha vez feito isto e aprobada a RPT será o momento de deseñar, redactar e negociar o que agora aparece referido como produtividade, xa que é un asunto  difuso, contraditorio e que admite moitas visións, en calquera caso, suxeito a negociación das partes.

Concretando: avanzamos, melloramos, pero aínda estamos lonxe do que procuramos. Paso a paso ata lograr o obxectivo.

Facebook

Twitter