Urbanismo e 9 olas

Nos últimos días saíu en prensa, de forma repetitiva, a insinuación de que o Proxecto 9 Olas non se leva ao pleno por culpa da Asemblea pola Unidade.

Non é verdade. Nós xa o dixemos na Xunta de Portavoces e na xuntanza do equipo de goberno previas ao pleno do mes de marzo: se algún grupo político ou concelleiro quere levalo pode facelo. Nese caso, nós defenderíamos o noso posicionamento no pleno.

Tampouco é certo que nos neguemos a debater ou a dar o noso posicionamento público ao respecto do proxecto. Participamos como grupo en varias presentacións públicas, nas que alegamos unha serie de cuestións que consideramos que se deben resolver antes do desenvolvemento dese, ou calquera outro proxecto a nivel urbanístico que inflúa tan directamente na mobilidade da vila.

 

Para nós, todas as actuacións deben estar estruturadas dentro dun plan de mobilidade. As accións individualizadas nun punto específico teñen consecuencias noutras zonas da vila, e hai que ser consciente diso e analizar que acontece en elas. Por este motivo, tamén entendemos que o PXOM é fundamental, é un documento imprescindible para o desenvolvemento da vila a 20-25 anos vista.

 

Igual que pensamos que a Vila de Cangas, non é só a zona vella, ou centro, as actuacións temos que pensalas e planealas para poder movernos comodamente sen necesidade de utilizar o coche nos desprazamentos internos, como desde Rodeira ata a Pedra Alta.

Doutra banda, xa trasladamos a nivel interno, nas xuntanzas do PXOM, unha serie de ideas para seren estudadas  polo equipo redactor e de goberno.

 

  • Redución de tráfico no centro. Para reducir o tráfico no centro da vila é preciso a construción de vías alternativas. En forma de aneis,  traballarían para aliviar o tráfico do centro a Avenida de Galicia e a Circunvalación planeada no actual regulamento. Ambas vías deben ser amables e abertas (espazo peonil e ciclable), con espazo para aparcar en forma de batería.

 

  • Accesos a Cangas. Remodelación da Pedra Alta. No tocante a PO 551, tanto na entrada dende Rodeira como na continuación cara Bueu, estudar a posibilidade de solicitar a transferencia de competencias da Xunta en certos tramos. As transferencias de competencias veñen acompañadas dunha inversión na infraestrutura para lograr a adecuación da vía tamén de xeito que sexa amable e aberta (espazo peonil e ciclable), con espazo para aparcar en forma de batería. Unha vez que a vía sexa municipal, pódese limitar o acceso a esta a certos vehículos, pero sempre coas vías de circulación alternativas operativas.

Estas ideas levaríanse a cabo con investimento público doutras administracións, permitirían limitar o aparcamento no centro da vila liberando espazo público e reducirían os vehículos que transitan polo centro, o que incrementaría a sensación de seguridade.

Do mesmo xeito, expuxemos internamente un documento fai dous meses con ideas para traballar e dar unha solución aos problemas de tráfico no entorno da praias en verán. Entre as liñas de traballo que propostas están:

  • Redución do número de coches. Na época estival a principal fonte de vehículos procede de Vigo a través do corredor do Morrazo (en proceso de conversión a autovía, o que pode aumentar o volume). Débense fomentar, promover e concienciar sobre alternativas de transporte público, en barco e por Terra, coordinando liñas regulares.
    Do mesmo xeito, é preciso concienciar a nivel de Concello, da problemática que supoñen os vehículos nas vías internas das parroquias.
  • Aparcadoiros disuasorios, que non teñen que estar na zona máis próxima a praia. Debe acompañarse do fomento de alternativas peonís seguras. Un exemplo: aparcar no Porto de Aldán e ir polo camiño de Espiñeira ata Areacova ou Francón.
  • Vías de acceso peonil e ciclable, estudo detalle e dos tempos de acceso as praias dende as paradas de     autobús, e mellora das vías alternativas e zonas de aparcamento de bicicletas e alternativas ao automóbil. Dende a estación marítima de Cangas ata Vilariño hai 4km de distancia, cunha única pendente pola carreteira principal. Os novos vehículos eléctricos (bicis, patinetes, motos,…) realizan este percorrido sen problema, pero deben ter onde aparcarse con garantías. Existen máis vías alternativas pola costa que deben de poñerse en activo e facilitar o seu uso.
  • Restrinxir acceso e aparcamento. É preciso un estudo en detalle de zonas que teñen que ser preferencia peonil e con acceso só a residentes, evitando así coches mal aparcados e dificultades de mobilidade.
  • Campaña concienciación sobre o uso indiscriminado do vehículo. Non todas as praias teñen que ter un acceso en vehículo particular, o gozo da praia e do lecer ten     que ser respectuoso coa veciñanza que vive nesas zonas. Hai que analizar o impacto en zonas específicas e tentar reducilo.

Obviamente estas ideas requiren dun proxecto e dunha análise máis fonda. Porén, as medidas propostas non son ocorrencias nin se propoñen de maneira aleatoria, son o traballo de actividades de debate e de pensar o urbanismo que levamos facendo como grupo nesta lexislatura.  Baséanse en ideas de profesionais e en estratexias de desenvolvemento urbano xa aprobadas polo propio Concello de Cangas, e que se están a poñer en marcha co proxecto do DEPOREMSE e a Estratexia DUSI, enfocadas nunha Cangas comunicada de leste a oeste, máis alá do centro urbano.

Facebook

Twitter