Por un transporte público e de calidade

A improvisación nun servizo de transporte público non é admisible.
Como xa reiteramos na moción sobre o transporte (presentada e aprobada fai un par de meses) a cidadanía que necesita desprazarse a Vigo desde o Morrazo non pode estar pendente das comunicacións que fagan as concesionarias (especialmente as navieiras, por
estar máis afectadas polas condicións climáticas) para improvisar alternativas ante suspensións sen marxe práctica de resposta.
O asunto vólvese aínda máis grave se lle sumamos as dificuldades impostas ó transporte terrestre: xa que padecemos un longuísimo (e dificilmente xustificable) corte do Corredor do Morrazo e a engádega da burla de Audasa e o Goberno central no corte dos carrís centrais da Ponte de Rande.


Nestes días anteriores (e hoxe mesmo) moitas persoas sufriron a falta de planificación dos distintos actores, quedando en terra por cortes puntuais do servizo de transporte marítimo e a ausencia de reforzo do transporte por estrada, que provocou que a xente quedara fóra e chegara tarde.


Non se trata de repartir culpas, se non de evitar que volva a suceder, na medida do posible. Por iso, consideramos de sentido común actuar nas seguintes direccións:
1. As concesionarias do transporte marítimo poden empregar barcos de maior tamaño (sobre cando hai previsión de malas condicións), con máis prazas e con máis resistencia ás inclemencias metereolóxicas, que normalmente para ir ás illas en viaxes turísticas.
2. As autoridades (Capitanía, 112, etc.) deben actuar con maior anticipación ante a posibilidade de cancelación do servizo, lanzando prealertas co maior antelación que activen dispositivos de reforzo.
3. As administración con competencias deben asegurarse de que haxa reforzos adecuados para paliar os servizos suspendidos (establecer protocolos de reforzo nos contratos de concesión, aumentar as frecuencias e prazas, etc).
4. Os concellos da área metropolitana de Vigo e as administracións superiores deben coordinarse para realizar un sistema metropolitano de transporte, que permita ós cidadáns da área evitar a necesidade de transporte individual.


Para iso, unha boa opción é estudar o que fan nas grandes áreas metropolitanas europeas (e mesmo nas españolas). Neste sentido, xerar unha gran empresa pública de transporte que xestione todo o servizo parece a opción máis lóxica para asegurar a eficiencia e a capacidade de xestión. Entendemos as dificultades para conseguilo, pero parten máis de premisas ideolóxicas (superables con determinación) que de obstáculos reais para materializala.

Facebook

Twitter