Renovación na concellaría de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo

Para nós a política é o compromiso de loitar por unha sociedade máis xusta e igualitaria, non é unha carreira persoal ou un futuro laboral, xa que o noso paso pola política é temporal e non final. Este compromiso non pode entorpecer o noso desenvolvemento persoal, académico e laboral, nin na procura dun emprego digno.

Por estas motivacións a Asemblea pola Unidade comunica que a nosa compañeira Eva Rodríguez Calvar, concelleira de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo, por motivos profesionais e laborais ten que presentar a renuncia ao seu cargo.

Nestes momentos, e debido ao noso modelo de toma de decisións asembleario, non está decidida a persoa que a vai substituír, xa que esta decisión correspóndelle á nosa asemblea e non á orde da lista da candidatura. Este proceso xa comezou e resolverase nos próximos días.

A renuncia farase efectiva no pleno deste mes de Xuño para que a persoa que entre como nova responsable da concellaría de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo tome posesión o máis axiña posible.

Dende a Asemblea pola Unidade queremos agradecerlle á nosa compañeira o seu esforzo e traballo durante estes máis de dous anos ao fronte da súa concellaría, como no traballo interno, e desexámoslle o mellor na nova etapa que comeza.

 

Facebook

Twitter