Reafirmamos a nosa folla de ruta cara un goberno de esquerdas

unnamed1

A Asemblea pola Unidade convocou esta tarde, 11 de xuño, unha asemblea para explicarlle á veciñanza o proceso de negociacións que se está a levar a cabo entre a nosa formación, ACE e o BNG para a formación dun goberno de esquerdas a partir do vindeiro sábado 13. Lembremos que a Asemblea delegou as súas competencias para este proceso nunha coordinadora temporal e mais en tres persoas representantes nas negociacións: a próxima concelleira, Ánxela Vizoso, Anxo Lemos (que xa participara nas negociacións para tratar de formar unha candidatura de unidade popular cunha coalición composta por ACE, a Asemblea e outras forzas) e o veterano ex-concelleiro Moncho Fernández.

Cómpre destacar a coherencia tanto do grupo asesor como das persoas que participaron por parte da Asemblea nas negociacións, que aínda non remataron. Logo dos debates co Bloque e Alternativa, nos que mantivemos unha leal postura á formación dunha alianza para xestionar un goberno nitidamente progresista, e despois das decisións que se tomaron hoxe na xuntanza aberta a todo o pobo, déixanse claras dúas cuestións:

  1. O apoio á lista máis votada o 24M como grupo político merecente da Alcaldía.
  2. A nosa preferencia no goberno polas áreas referentes á Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo; Desenvolvemento Económico e Emprego; Servizos Sociais e Igualdade.

Reiteramos a nosa completa disposición para materializar este proxecto esperanzador para as capas populares no municipio e solicitamos responsabilidade a tódolos actores políticos para non defraudarmos en ningún momento a decisión tomada polo pobo de Cangas tralos comicios municipais. Por primeira vez no municipio, un goberno de esquerda pode prescindir da cara amable do bipartidismo (PSOE) para desenvolver o seu mandato. Unha oportunidade histórica na que a esquerda real debe demostrar que pode e que sabe gobernar.

Facebook

Twitter