PROTOCOLO XUNTA-FEGAMP “CONCELLOS DOING BUSINESS GALICIA”

O mércores 13 de decembro na delegación territorial da Xunta en Vigo, presentáronse os obxectivos do protocolo asinado entre a FEGAMP e a XUNTA e denominado “Concellos Doing Business”, para o fomento a implantación de grandes empresas nos polígonos industriais e parques empresariais galegos. Este protocolo enmárcase como iniciativa da recén aprobada “Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia”.

Se recordades no pleno de setembro presentamos unha moción de rexeitamento desta lei, pois entendemos que supón a liberalización de sectores estratéxicos para Galiza como son o eólico, mineiro ou forestal, e porque a lei vai facilitar os trámites administrativos ás iniciativas de grandes empresas, e non as PEMES ou autónomas, poñendo en grave risco o noso patrimonio cultural e medioambiental. Por estes motivos saímos á rúa en Compostela o 22 de outubro, contra esta lei que foi aprobada sen o consenso dos sectores e axentes sociais implicados.

Dende a Xunta seguen a insistir en que o principal obxectivo da lei é que Galicia sexa atractiva para grandes empresas que poidan instalarse aquí, empresas que nestes momentos deciden marchar para Portugal polas facilidades que alí teñen. Pero nin ese é o modelo de desenvolvemento económico que defendemos para Galicia, nin se teñen en conta as consecuencias medioambientais e patrimoniais que esta lei pode ter para o noso territorio.

Agora veñen de presentar os “Concellos Doing Business” que serán aqueles que ofrezas ás empresas que vaian instalarse nalgún polígono industrial galego, rebaixas de ata o 95% no Imposto de bens inmobles, o Imposto de actividades económicas e o Imposto sobre construción e obras. Esta rebaixa nos impostos supón un grande esforzo económico para os concellos, que ven mermados os seus ingresos futuros coa implantación destas novas empresas.

A contrapartida por adherirse a este protocolo establece unha “discriminación positiva” a favor dos “concellos doing business”, outorgando un 20% da puntuación total en todas as subvencións que a Consellería destina para industria, formación, emprego, emprendemento, e comercio.

É dicir, que aqueles concellos que non se adhiran a este protocolo parten cunha clara desventaxa á hora de optar a TODAS as subvención da Consellería, polo que, ter ou non suelo industrial no Concello para adherirse ó protocolo é o de menos, a Xunta obriga ós Concellos a esta adhesión para poder optar ós fondos que vimos obtendo para o desenvolvemento local nos eidos de formación, emprego, comercio, e industria.

As grandes empresas que se implanten en Galicia aforrarán miles de euros en impostos, impostos que os Concellos terían que ingresar; e dende a Xunta entenden o fomento do emprego e o emprendemento co desenvolvemento de grandes areas industriais a costa de destruír o territorio, vendendo Galicia a prezo de saldo ás multinacionais, e liberalizando sectores clave.

Facebook

Twitter