Programa

programa

programa

Principios de actuación política municipal da candidatura da Asemblea pola Unidade

Os principios contidos no Código Ético e mais no Regulamento, aprobados en asemblea e accesibles á cidadanía son o principal guieiro de actuación.

Ademais, nunha situación de excepcionalidade histórica, a Asemblea pola Unidade manifesta a súa posición pública a prol dun concello laico, republicano, sustentable, formado por persoas iguais, solidario.

Nesta declaración inicial, manifestamos tamén a nosa intención de superar o actual localismo nocivo, da posta en marcha de servizos de carácter supramunicipal, a colaboración institucional e social cos concellos da bisbarra e a organización en conxunto de actividades culturais, artísticas, medioambientais, deportivas, educativas: un xeito diferente de entender a vida pública e a convivencia.

  • Ao comezo da lexislatura cómpre coñecer cal é o endebedamento real, e darllo a coñecer á poboación.
  • Confección dun orzamento municipal participativo, no que sexan protagonistas as asociacións veciñais e colectivos sociais con propostas e alegacións.
  • Garantir que toda a poboación teña acceso ao abastecemento de servizos básicos (auga, gas, electricidade) e aseguralo en todos os casos. Remunicipalización dos servizos de abastecemento de auga e recollida de lixo agora privatizados.
  • Mellorar a rede viaria nas parroquias, ademais de garantir o seu coidado e mantemento xunto coa rede secundaria e os camiños, en función das necesidades e non da oportunidade política.
  • Abordar a realización de obras (humanización, mantemento, mellora de espazos públicos) con medios propios e non a través de contratación con empresas.
  • A medio prazo é imprescindible un Plan de Reordenación e Humanización do Tráfico no centro urbano.
  • Garantir o alumeado público e o seu uso racional en todas as vías e zonas habitables.
  • Rotular axeitadamente as distintas zonas do municipio (praias, rúas, camiños, etc.).
  • Eliminar a rotulación incorrecta e a que inclúa topónimos deturpados, contando para iso co persoal técnico do Servizo de Normalización Lingüística que cómpre crear con carácter permanente.
  • Minimizar a exclusión social e a pobreza en colaboración cos servizos sociais  supramunicipais no obxectivo común de eliminalas.
  • O concello de Cangas actuará como parte interesada nos actos de desaloxo de familias das súas vivendas, e ofrecerá o apoio correspondente.
  • Garantir a atención das persoas maiores e das que, por motivos de enfermidade, discapacidade, dependencia ou migración estean en situación de risco.
  • Axilizar a elaboración do PXOM, en coordinación cos diferentes colectivos veciñais e para planificar o territorio con criterios de sustentabilidade, que loite contra un modelo urbanístico especulativo e unicamente orientado ao turismo.
  • Elaborar, en colaboración cos propietarios que o desexen, un censo municipal de vivendas baleiras que poidan constituír unha bolsa de aloxamento en situacións extremas.
  • Priorizar, nos núcleos consolidados, a rehabilitación fronte á nova construción.
  • Avaliar o estado dos centros de saúde existentes no concello, co fin de constatar as deficiencias nas instalacións e a calidade dos servizos que a sanidade pública ten que garantir.
  • Instar á Xunta de Galicia a comezar xa a construción do Centro de Saúde de Hío-Aldán.
  • Avaliar o funcionamento do novo “Plan de Transporte Metropolitano” de xeito que solucione os actuais problemas de transporte e aparcamento, en coordinación cos concellos limítrofes. Traballar na idea de mellorar e ampliar a todos os lugares do concello unha rede de transportes. Fomentar na veciñanza a cultura do uso do transporte público.
  • Elaborar un plan de defensa do mar en colaboración cos colectivos protectores da ría encamiñado a paliar o impacto de depuradoras, aterrados e outros axentes contaminantes. Xestionar, coa implicación doutras administracións, a depuración integral das augas, a mellora da EDAR de Balea, coa obrigada e necesaria separación de augas fecais e pluviais.
  • Preservar e coidar os recursos pesqueiros e marisqueiros en colaboración co pósito de Cangas e os colectivos relacionados co sector.
  • Promover o consumo responsable, o consumo de produtos locais e a realización de mercados extraordinarios con produtos agrícolas e artesanais da comarca, coa implicación dos concellos da bisbarra.
  • Protexer o comercio de proximidade e colaborar coas asociacións existentes, fronte ao modelo de proliferación de grandes superficies e centros comerciais que danen o medio e que acaben co pequeno comercio e a hostalaría local.
  • Apoiar iniciativas de economía social na creación de emprego no concello e na comarca, e reorientar a actividade turística baseándoa tamén na protección medioambiental, na difusión dos valores paisaxísticos, na posta en valor do patrimonio.
  • Estudar a carga impositiva actual (IBI, auga, …) do concello e revisala con criterios racionais. Establecer o pagamento do IBI aos inmobles da Igrexa Católica.
  • Elaborar un catálogo municipal de patrimonio industrial, dos edificios emblemáticos e dos elementos monumentais, lugares e achados arqueolóxicos, como paso imprescindible para un plan de usos e protección.
  • Xestionar coas administracións correspondentes a declaración BIC do conxunto de instalacións da fábrica de Massó.
  • Apoiar a declaración de Punta Balea como Espazo Natural de acordo coa proposta realizada por colectivos medioambientais. Defender e preservar os espazos naturais e as zonas verdes para melloralos e mantelos en condicións de uso colectivo para o lecer da cidadanía e para actividades de educación e sensibilización ambiental.
  • Comunicar e facilitar o achegamento das distintas artes á toda a veciñanza.
  • Mellorar a rede actual de equipamentos culturais racionalizando o seu uso e estendéndoo a todas as iniciativas culturais e artísticas.
  • Inspección periódica dos centros públicos de educación para un bo mantemento.
  • Promover o deporte dende a base. Facilitar a práctica de deportes minoritarios e racionalizar o uso das instalacións deportivas garantindo o acceso para todas as persoas e todas as entidades en igualdade de condicións. Considerar toda práctica deportiva como importante.
  • Promover que a veciñanza a través das súas asociacións participe na vida municipal mesmo presentando propostas e suxestións para seren debatidas nos órganos do concello.
  • Convocar referendos municipais e consultas veciñais nas parroquias para a toma de decisións que afecten ao futuro social, económico e ambiental de Cangas.
  • Entender as parroquias como unha referencia básica no funcionamento da vida municipal. Creación de Consellos Parroquiais para a canalización das reivindicacións e demandas da poboación.
  • Modernización do Concello nos tres eixos:
    • Racionalización administrativa (procesos áxiles e na medida do posible de resposta inmediata).
    • Dixitalización. Creación dun sitio web de fácil acceso para o público, onde figuren ademais dos servizos, departamentos e actividades, as declaracións de intereses dos cargos electos.
    • Galeguización (dotación dun Servizo de Normalización Lingüística).
  • Prohibir a recepción de agasallos procedentes de particulares ou empresas para os cargos electos e empregados públicos.
  • Aplicar medidas con carácter transversal a nivel institucional e social que estean encamiñadas a garantir a plena igualdade entre as persoas fose cal for o seu xénero ou orientación sexual.
  • Declarar a Cangas zona de exclusión do TTIP.
  • Retirada das placas fascistas da ex-Colexiata de Cangas e doutros monumentos en todo o municipio.

Facebook

Twitter