Proceso Participativo Escolle os teus festivos: Preguntas e Respostas

Por que se fai?

Como todo proceso participativo, enquisa ou consulta, faise para coñecer as preferencias da poboación sobre unha temática concreta. Neste caso, procurarase coñecer a preferencia da veciñanza respecto os dous festivos locais que o Pleno do Concello de Cangas ten entre as súas atribucións elixir.

En agosto de 2016 o Pleno da corporación aprobou como festivos locais do ano seguinte (2017), os mesmos que viñan sendo escollidos desde que lle foi concedida esa responsabilidade ó Concello de Cangas, co compromiso de que o ano seguinte a cidadanía sería consultada para elixir.

Asumimos a responsabilidade de que no ano pasado non dese tempo a realizar esta pregunta no primeiro semestre, polo que se decidiu levala a cabo este ano.

Por que se gastan cartos nisto? Non se poderían adicar a outra cousa máis útil?

A participación da veciñanza na toma de decisións é un dos principais obxectivos da Concellería de Transparencia e Participación Veciñal, de aí a súa existencia e denominación.

Doutra banda, a situación económica do Concello de Cangas non é particularmente boa, cunha débeda que supera os 12M€ e coas contas intervidas polo Ministerio de Facenda. Este estado actual das contas vén motivada por discutibles actuacións políticas de anteriores equipos de goberno (nunca consultadas á veciñanza) e pola falta de esixencia e fiscalización da cidadanía.

A implicación da veciñanza na toma de  decisións, máis alá de elixir representantes cada catro anos, é unha das bases para un funcionamento correcto e eficiente da institución. Un proceso participativo sobre os festivos locais é adecuado para introducir este mecanismo e que os cidadáns perciban os seus beneficios de forma tanxible. Serviría así, de ensaio para tratarmos outros asuntos de forma máis participativa.

É unha ocorrencia por ganas de xerar notoriedade e facer como que fan algo?

A Asemblea pola Unidade presentouse ás eleccións cun programa electoral con varias medidas encamiñadas a favorecer a democracia directa en temas de transcendencia para a cidadanía. Se ben a elección dos festivos locais pode ser considerado como pouco relevante, parécenos un asunto adecuado para iniciar a participación veciñal.

De feito, un dos puntos do programa electoral co que se presentou é, literalmente:

“Convocar referendos municipais e consultas veciñais nas parroquias para a toma de decisións que afecten ao futuro social, económico e ambiental de Cangas”

Por que se consulta precisamente este tema?

Este tema é especialmente interesante para realizar unha primeira pregunta ós veciños porque:

  • Afecta de xeito directo e tanxible a boa parte da veciñanza
  • A elección non se basea nunha motivación relixiosa nin ideolóxica, polo que podería ser asumida por todos os grupos políticos. Unha persoa católica pode preferir outros festivos distintos ós elixidos ata o momento, e unha non católica pode elixir eses mesmos días (por exemplo porque fan unha boa ponte).
  • É unha pregunta sinxela e entendible pola xente
  • A elección dos dous días festivos actuais foi decidida sen contar coa opinión dos veciños

É unha medida unilateral?

A pasada semana enviouse a TODOS os grupos políticos con representación en Cangas unha primeira versión das bases deste proceso participativo, coa idea de que o estudasen e puidesen propoñer e consensuar achegas nunha reunión a celebrar o martes 20 de marzo entre todas as formacións. Búscase un acordo transversal para que o proceso se institucionalice e poida realizarse de xeito recorrente, cada catro anos (para que coincida á metade de cada mandato) con independencia de quen goberne.

Para que se fai, se o que se decida non vai ser vinculante?

Existe un compromiso do equipo de goberno para determinar os festivos locais en función dos resultados deste proceso participativo. O proceso non é vinculante, pero o goberno asumirá os resultados que serán aprobados posteriormente no pleno. Polo tanto, os días máis votados pola xente, serán os festivos locais dos próximos anos.

Por que se lanza precisamente agora, a poucos días da Semana Santa e o Venres das Dores?

Este proceso parte do acordo alcanzado en agosto de 2016, no que se propoñía que se consultasen á cidadanía as datas dos festivos locais do seguinte ano.

O traballo centrado na modernización, dixitalización e transparencia do Concello (lanzamento da nova páxina web, programa de Contas Claras, integración no portal de transparencia Eido Local, etc.), xunto cos preparativos para o relevo de titular na concellería fixeron inviable a participación dos cidadáns na elección dos festivos nese ano. En consecuencia, volveuse adiar para o ano seguinte (no que nos atopamos).

En outubro do 2017 comezou o grupo de traballo da Asemblea a valorar posibles vías de consulta á veciñanza (Consulta regulada, seguindo a Lei 7/1985 Reguladora de Bases de Réxime Local enquisa; pregunta na web; proceso participativo non vinculante; etc.).

A consulta popular recollida na lexislación ten uns prazos para a autorización que fan inviable aplicala neste ano e incluso, en función do que o alonguen as administracións superiores, para levala a cabo nesta lexislatura. En consecuencia, óptase por realización dun procedemento participativo análogo ó que teñen realizado outros municipios.

Como os festivos deben ser aprobados no pleno de agosto, a elección debe ser no primeiro semestre deste ano de aí que se lance o anuncio nestas datas.

É un ataque contra os festivos relixiosos? Faise para enfrontar ó pobo?

En absoluto. Os festivos relixiosos contan cun grande seguimento na nosa cultura. De feito, os principais días que se soen xurdir como alternativas ós actuais en calquera conversa son igualmente relixiosos (Virxe do Carme, Romeria de Darbo, etc.), polo que cabe que pensar que quen busca tal enfrontamento é quen utiliza como argumento esa suposta persecución.

O obxectivo é que sexa a cidadanía a que elixa o que mellor lle pareza, con liberdade, cordialidade e sen condicionamentos de ningún tipo.

Derívase a responsabilidade da elección dos festivos á cidadanía cando é responsabilidade dos políticos elixidos?

Tratase dun tema que non ten máis transcendencia política que a que se lle queira dar. É un tema case administrativo no que é lóxico que se se faga unha enquisa ós veciños para coñecer as súas preferencias e actuar en consecuencia.

É ilegal? Ten cobertura legal? Por que non se seguiu a tramitación para realizar unha consulta popular, na forma que marca a lei?

Baralláronse diversas opcións para coñecer a opinión da veciñanza sobre os festivos locais. A consulta popular recollida na lexislación ten uns condicionantes moi estritos e o prazo dos procedementos para a autorización excede o tempo do que se dispón para aplicala neste ano. Se as administracións o dilatasen, pode que incluso vencese o mandato sen poder levar a cabo a consulta.

Doutra banda, os criterios para aceptar ou denegar a consulta popular son totalmente arbitrarios e téñense aceptado consultas iguais nun concello e denegadas noutro.

En consecuencia, óptase pola realización dun procedemento participativo non vinculante, análogo ó que teñen realizado outros municipios do estado para a toma de decisións participadas xunto coa cidadanía. Neste caso, a dúbida sobre a legalidade pode xurdir pola utilización do padrón municipal. Despois da consulta legal pertinente á Secretaria Municipal, este trámite é legal sempre que sexa aprobado polo alcalde, compromiso asumido previamente. Polo tanto, non se incumpre a legalidade con este procedemento de participación veciñal.

Por que non se fai vía web, como noutros concellos?

A intención da concellería é contar para o final da lexislatura cunha ferramenta similar ás doutros concellos para realizar este tipo de preguntas á cidadanía. De momento non se dispón dela.

Aínda así, para normalizar este procedemento entre todos os veciños e veciñas cómpre tratar de evitar a fenda dixital que estas plataformas implican. Por iso se trata de artellar un proceso similar ó das eleccións.

Por que se establece que poden participar os maiores de 16 anos a 31 de decembro de 2017?

Os 16 anos unha persoa xa pode traballar, pagar impostos, mesmo casar e pode estar suxeito ás mesmas obrigas que un adulto. O voto é unha consecuencia lóxica dese mesmo proceso. Se pode ter os mesmos deberes que un adulto, por que non os mesmos dereitos?

Doutra banda, que poidan participar na toma de decisións en temas que lles afectan directamente, incrementa o seu interese pola política.

No caso de que aínda estean estudando, este proceso participativo supón unha grande oportunidade para que os novos votantes poidan recibir unha formación de cultura democrática desde o profesorado, traballando con eles para que coñezan as implicacións e responsabilidades que recaen no votante.

Que pasa se sae un día sen tradición?

As bases deste proceso participativo contemplan que haxa un máximo de dez opcións (as que conten con máis avais) serán os días candidatos a seren elixidos pola veciñanza. As dúas opcións que sexan seleccionadas serán as máis votadas, co cal responderán á vontade cidadá maioritaria.

En todo caso, esta decisión non será inmutable, e poderá ser modificada nas sucesivas consultas previstas na metade das lexislaturas.

 

Cangas 21 Marzo de 2018

Facebook

Twitter