Plan de Remodelación e mellora de seguridade dos viarios municipais – DEPO REMSE –

A deputación de Pontevedra publicou unhas axudas económicas ós Concellos, para o “Plan de Remodelación e mellora de seguridade dos viarios municipais”. O principal obxectivo da subvención é desenvolver unha mobilidade sustentable, que priorice a seguridade e a mobilidade dos peóns nas estradas e vieiros municipais.

Baixo esta premisa, Asemblea pola unidade ven de propoñer ó equipo de goberno, volver a apostar polos camiños seguros da EDUSI, a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrada aprobada en pleno en decembro de 2016. A EDUSI é unha estratexia que foi aprobada polos Plenos dos concellos de Moaña e Cangas; malia non conseguir o financiamento da Unión Europea, segue vixente. Tendo en conta que foi un proxecto participativo, e que tivo gran acollida pola veciñanza, consideramos necesario retomar de novo o proxecto, pois achega solucións de mobilidade para os peóns e sendas ciclables para unir Cangas con Moaña polo Camiño Real.

Por suposto, o proxecto a presentar desta vez sería máis modesto, actuando soamente en vieiros de carácter municipal, pero con actuacións e melloras que irían dende A Pedreira ata a Estación Marítima , e que facilitarían o achegamento peonil da veciñanza ó casco urbano, e mellorarían a mobilidade peonil de núcleos como A Pedreira, Espíritu Santo, Instituto de Rodeira, Campo do Kenyata, Casa da Cultura, O Forte, Avd. de Marín, Rúa Atranco…

Do mesmo xeito que a EDUSI foi unha estratexia conxunta entre o Concello de Moaña e Cangas, entendemos que esta tamén o ten que ser, polo que a nosa proposta pasa por manter unha xuntanza o antes posible co equipo de goberno veciño e poder establecer unha nova colaboración con un proxecto ambicioso e complementario como este

A propia convocatoria da Deputación establece que estas axudas permiten ós concellos remodelar os seus viais a fin de comunicar espazos e dotacións de uso social, e para mellorar trazados que soportan unha alta densidade de tráfico rodado e peonil. Para nós esta estratexia de modelo urbanistico e de mobilidade marca unha estratexia de futuro clara, apostando pola mobilidade sustentable e integrada para toda a veciñanza de Cangas.

Facebook

Twitter