O acceso auga como ben público – Intervención no REALPE 2018

Os gobernos municipais, xa sexa de forma individual ou mancomunada son os actuais responsables da xestión da auga en todo o seu ciclo, dende a captación e potabilización  ata a depuración e descarga no medio natural.

Pero moi poucos Concellos teñen a súa xestión de forma pública, ou municipalizada, este feito fai a que a explotación do servizos integral da auga se faga a través de concesións a empresas privadas. Empresas que maioritariamente proveñen da construción ou da obra pública.

A reconversión feita logo da caida do sector inmobiliario e a da redución da obra pública no estado nas últimas dúas décadas , onde un grupo pequeno de grandes empresas controlan e reparten un sector a alza, a xestión da auga

Este sistema capitalista, onde se prima a redución de costes e se maximizan as ganancias, non lles preocupa a calidade do servizo nin as consecuencias ambientais dunha mala xestión da auga.

Como exemplo o noso caso, o Concello de Cangas. Sen captación de auga propia temos dependencia da compra ao concello veciño de Vigo: ademais ,  no ano 2014 rematou unha concesión creándose a oportunidade de recuperar este servizo. En cambio o goberno nese momento do Partido Popular licitouno novamente por 25 anos e 64M€ de ingresos garantidos.

Na actualidade, o goberno municipal ten aberto un expediente de rescisión do contrato por incumprimentos graves, como a non realización das inversións establecidas no prego, a non realización dun estudo de impacto ambiental, a non actualización nas normas ISO de obrigado cumprimento, e unha chea de vertidos ao mar.

O ano pasado Galiza sufriu unha seca importante, e  os niveis de auga para consumo humano chegaron a mínimos case históricos: na nosa conca hidrográfica planeouse un transvasamento do Río Verdugo ao Oitaven, primando a necesidade de consumo sobre a ecolóxica. De momento ese intento non prosperou. Existen outras alternativas, como a mellora da potabilizadora, ou eliminación de perdas no circuíto, máis caras, pero con menor impacto ambiental. Pero novamente se prima o económico sobre o ambiental.

A realidade é a realidade capitalista, non importan a xente nin o medio ambiente, só importa a ganancia, reducir custos, maximizar beneficios.

A  realidade é que a auga ten que ser un ben de interese público e debe de estar garantido polo estado, do mesmo xeito que o é a sanidade ou a educación. Debe ser xestionada de forma pública, sen beneficios industriais, dando prioridade ao investimento na mellora do sistema de captación, abastecemento, condución, depuración, reducindo afluentes e efluentes, concienciando da necesidade de reducir o noso consumo, xa que estes anos quedou evidenciado que a auga é un ben limitado que debemos coidar.

Facebook

Twitter