Nota aclaratoria sobre a xestión dos Obradoiros de Emprego 2017-2018.

 

foto2

A Xunta de Galicia publicaba no mes de xullo a resolución da convocatoria deste ano dos obradoiros de emprego, e presentaba a aprobación para Cangas do Obradoiro Xeral (adultos) e a aprobación do Obradoiro Específico para menores de 30 anos (mocidade), ambos programas centrados nas especialidades de Atención sociosanitaria a domicilio e a Xardinería.

 

Ambos proxectos son diferentes, pois son convocatorias distintas, e o Concello de Cangas xestionou dúas solicitudes diferenciadas para cada Orde. Na xestión das solicitudes chegouse incluso a consultar coa Xunta a nosa intención de compatibilizar horarios, un obradoiro de mañá e outro de tarde, e en ningún momento dixeron que fosen incompatibles polo feito de ter ambos obradoiros as mesmas especialidades.

 
Dende o primeiro momento dende a Concellería a nova de aprobación dos dous obradoiros foi tomada con moita cautela, pois no Concello non tiñamos confirmación  oficial da súa aprobación. Finalmente, unhas semanas despois confírmase que a Xunta só aproba a Cangas o Obradoiro Específico para menores de 30 anos, e queda denegado o Obradoiro Xeral para adultos.

 
A explicación tanto da Delegación Territorial en Vigo, como por parte da Consellería, non foi que “se solicitara o mesmo programa dúas veces”, tal e como se afirma. A xustificación foi que aprobaron en primeiro lugar o obradoiro de mocidade, e que tendo en conta os fondos dispoñibles e o reparto orzamentario dos mesmos, decidiuse denegar o obradoiro xeral de adultos. A xustificación foi tamén que por poboación total Cangas tiña máis garantías de poder cubrir un obradoiro de mocidade que outros Concellos máis pequenos, motivo pola cal decidiron outorgar só o obradoiro de mocidade.

 
En todo momento se traballou para obter os dous obradoiros, sendo a Xunta coñecedora dous proxectos, e estaría moi ben poder ter compatibilizado dous obradoiros de emprego, pero neste curso 2017‐2018 centraremos todos os esforzos no bo desenvolvemento do obradoiro de emprego de mocidade que xa está en marcha, e esperamos sexa de grande utilidade formativa e laboral para as persoas menores de 30 anos do Programa de Garantía Xuvenil de Cangas.

 

Cangas, 02 de outubro de 2017.

 

Facebook

Twitter