MOCIÓN PARA EXPRESAR O REXEITAMENTO AO FALLO DA SENTEZA XUDICIAL AO GRUPO DE VIOLADORES “A MANADA”

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A noite do 7 de xullo de 2016, durante a celebración dos San Fermíns en Pamplona,
cinco homes (auto-proclamados como “La Manada”) violaron e vexaron a unha moza de
18 anos, furtando posteriormente o seu móbil para evitar que pedise axuda e
deixándoa tirada nun portal.
Vinte meses despois, en novembro do 2017, comezou o xuízo perante a Audiencia de
Navarra. Durante todo o proceso, por parte dos maxistrados e da defensa dos
acusados, a vítima foi cuestionada, exposta, humillada e xulgada cos argumentos
máis machistas.
Mesmo tentaron introducir como proba da inocencia dos agresores que a moza refixo
a súa vida; porén, todas as probas (vídeos, testemuñas, conversas de whatsapp)
facían evidente a premeditación e o comportamento delitivo dos membros de “La
Manada”.
Catro meses tardarían en ditar sentenza. Finalmente, a resolución absolve aos
acusados do delito de agresión sexual e condénaos a nove anos de prisión por un
delito continuado de abuso sexual con prevalimento, recollido no artigo 181.3 CP.
Así, os maxistrados, nunha rancia interpretación do Código Penal, consideran que
non existiu intimidación, aínda que recoñecen que non houbo consentimento da vítima.
As críticas e as mobilizacións, con toda a lexitimidade, atacaron o fallo,
entendendo que a moza estaba manifestamente intimidada e sen capacidade algunha de
defenderse, e visibilizando os prexuízos aos que se enfrontou no proceso, que non
teñen cabida nun Estado de Dereito construído ao amparo da igualdade e da non
discriminación. Ademais, aínda que o delito de violación sufriu grandes cambios
nos últimos anos, a súa ampla marxe interpretativa deixou á agredida nas mans dunha
discrecionalidade xudicial que, neste caso, errou de maneira evidente.
Por outra banda, é preocupante que, na nosa sociedade, teña cabida un voto
particular como o emitido polo maxistrado Ricardo González, que absolve aos acusados
de tódolos delitos ao considerar que non se apreza ningún tipo de violencia sexual.

ACORDOS

PRIMEIRO.- Manifestar o seu rexeitamento á sentenza e á interpretación legal
realizada polos maxistrados da Audiencia de Navarra, entendendo que si existiu
intimidación e, polo tanto, unha violación que debe ser considerada agresión sexual,
e non abuso, tal e como se establece nos artigos 178 e seguintes do Código Penal.
SEGUNDO.- Denunciar o feito de que as mulleres sigamos sendo dobremente vítimas:
por parte dos agresores e por parte dunhas institucións asentadas no patriarcado
e na criminalización das agredidas.
TERCEIRO.- Instar ao Goberno e ás Cortes a levar a cabo as políticas e iniciativas
lexislativas precisas para equiparar normativamente a ausencia de consentimento á
súa negativa no eido dos delitos contra a liberdade e a indemnidade sexuais.
CUARTO.- Introducir ou intensificar, nas políticas do noso Concello, a perspectiva
de xénero para garantir un sistema máis xusto e democrático ás mulleres que residen
nel.
QUINTO.- Instaurar medidas reais de empoderamento das mulleres en tódolos ámbitos,
nomeadamente nas institucións; así como garantir instrumentos de concienciación
social que sirvan para educar na igualdade

Facebook

Twitter