Regulamento

 

O seguinte regulamento recolle o funcionamento das distintas asembleas que conforman Asemblea pola Unidade. Distinguirase entre Asemblea Xeral e Asemblea Veciñal.

ASEMBLEA XERAL

Este regulamento vai encamiñado ó bo funcionamento da Asemblea Xeral e regulará os aspectos que a conformen.

Funcións e participación

A Asemblea Xeral será o órgano de maior decisión dentro da Asemblea pola Unidade. Terá como funcións principais marcar as liñas políticas da organización e aprobar os cronogramas de actuación. Particularmente, correspóndelle á Asemblea Xeral a aprobación e modificación dos Estatutos, a política de alianzas con outras forzas políticas e movementos sociais cidadáns de calquera ámbito, así como aprobar a composición da Coordinadora Xeral.

As decisións aprobaranse pola maioría das persoas participantes, e sempre previo debate e co criterio de tratar de integrar posicións.

A participación estará aberta a toda a veciñanza maior de 16 anos de idade, tendo dereito a presentar propostas, con voz e voto na Asemblea Xeral. Considerarase veciñanza a todos os residentes que vivan en Cangas polo menos 6 meses ó ano. Para estes efectos considéranse persoas veciñas ás que estean de forma temporal desprazadas por motivos laborais ou de estudos e que sigan tendo en Cangas a súa residencia principal de referencia, aínda que non residan na mesma durante 6 meses.

Da súa convocatoria

A Asemblea Xeral convocarase por iniciativa da Coordinadora Xeral, como mínimo unha vez ó ano, e será ratificada pola Asemblea Veciñal. A convocatoria terá que marcar a data, lugar, hora de comezo, duración da mesa e a orde do día que a conformará.

A veciñanza da Asemblea pola Unidade poderá convocar unha Asemblea Xeral a través da Asemblea Veciñal, sempre que se aprobe por maioría simple. De igual maneira, a convocatoria terá que marcar a data, lugar, hora de comezo, duración da mesa e a orde do día que a conformará.

En ámbolos dous casos, a convocatoria ten que ser como mínimo de 15 días de antelación. A hora de comezo o lugar de realización poden ser modificados por motivos de forza maior ata 3 días antes de que esta teña lugar.

O grupo de traballo de Organización será o responsable de buscar o lugar idóneo para a realización da Asemblea Xeral.

O grupo de traballo de Comunicación será o encargado de subir toda a información que se presente, en tempo e forma, ó blog da Asemblea pola Unidade.

Orde do día

A orde do día elaborarase por parte da Coordinadora Xeral e será ratificada pola Asemblea Veciñal. No caso de ser unha moción presentada nunha Asemblea Veciñal, esta deberá de constar da orde do día e deberá presentarse por escrito na referida asemblea para ser abordada debidamente polo conxunto dos membros que acudan.

A orde do día farase pública con 15 días de antelación e poderá sufrir inclusións ou alteracións se fose necesario para unha maior efectividade. En todo caso, os membros da Asemblea pola Unidade permanecerán informados.

Presentación de documentos

Os documentos que se presenten á Asemblea Xeral para o seu debate e aprobación deberán estar expostos no blog cando menos 10 días antes da asemblea.

Os responsables de elaborar os textos base serán a Coordinadora Xeral ou as persoas que presenten a correspondente solicitude na Asemblea Veciñal.

Os textos faranse públicos no blog da Asemblea pola Unidade.

Emendas

As emendas poden ser totais ou parciais. As totais serán aquelas que modifiquen por completo un texto presentado, mentres que as parciais serán para engadir ou suprimir algún punto concreto.

As emendas poderanse presentar ata 3 días antes da realización da Asemblea Xeral. As emendas faranse públicas no blog da Asemblea pola Unidade.

Organización da Asemblea

A Asemblea contará cunha mesa de control constituída por unha persoa moderadora, outra que se responsabilice de organizar as quendas de fala e outra que levante acta. Estes postos poden ser renovados durante o transcurso da Asemblea se esta é de duración longa, maior a dúas horas. As persoas encargadas destas tarefas serán propostas pola Coordinadora Xeral e os relevos serán voluntarios ou propostos polos asistentes á Asemblea Xeral.

O grupo de traballo de Organización encargarase de preparar o espazo elixido, os instrumentos necesarios para o bo funcionamento (cadeiras, mesas, encerado, proxector…) e a adecuación decorativa e propagandística do lugar.

Tempos de intervención e votación

Os tempos dividiranse entre os puntos da orde do día de forma que a Asemblea non se prolongue máis de dúas horas e media.

O tempo nos puntos dividirase da seguinte maneira:

  • Presentación por parte do relator: 10 minutos. No caso de existiren emendas o tempo será tamén de 10 minutos por cada unha.
  • Primeira quenda de intervencións pechada: 2-3 minutos por persoa.
  • Resposta á primeira quenda de intervencións: 5 minutos por relator.
  • Segunda quenda de intervencións pechada: 2-3 minutos por persoa.
  • Resposta á segunda quenda de intervencións: 5 minutos por relator.
  • Votación.

A votación realizarase a man alzada co uso de cartolinas diferenciadas por cores, empregando o vermello para o SI e o azul para o NON. As persoas responsables do reconto serán os encargados da mesa de control. No caso de empate a votos, abrirase unha nova quenda de intervencións e repetirase a votación. No caso de volver a empatar o punto quedará anulado.

 

ASEMBLEA VECIÑAL

Este regulamento vai encamiñado ó bo funcionamento da Asemblea Veciñal e regulará os aspectos que a conformen.

Funcións e participación

A Asemblea Veciñal será o órgano de maior decisión entre asembleas xerais. Terá como funcións principais debater e aprobar as propostas da Coordinadora Xeral e as que presente a veciñanza, así como as posturas a defender diante dos puntos da orde do día dos plenos municipais.

As decisións aprobaranse por maioría das persoas participantes, e sempre tras un debate previo e co criterio de tratar de integrar posicións.

A participación estará aberta a toda a veciñanza maior de 16 anos de idade, tendo dereito a presentar propostas, voz e voto na Asemblea Xeral. Considerarase veciñanza a todos os residentes que vivan en Cangas polo menos 6 meses ó ano. Para estes efectos considéranse persoas veciñas ás que estean de forma temporal desprazadas por motivos laborais ou de estudos e que sigan tendo en Cangas a súa residencia principal de referencia, aínda que non residan na mesma durante 6 meses.

Convocatoria

A Asemblea Veciñal terá lugar, en principio, unha vez por mes dous días antes do pleno mensual, como mínimo.

Se fixesen falta, de forma extraordinaria, dúas ou máis asembleas nese mes, convocaranse debidamente.

A Coordinadora Xeral pode convocar unha Asemblea Veciñal sempre que considere necesario notificar, aprobar documentos, propostas ou facilitar información á veciñanza. Deberá de incluír a data, lugar, hora de comezo, duración da mesa e a orde do día que a conformará.

A veciñanza da Asemblea pola Unidade poderá convocar unha Asemblea Veciñal a través dunha solicitude coa inscrición de cando menos un 10% de xente veciña estea inscrita como membro na Asemblea pola Unidade e, podendo ser, que concorra asiduamente ás asembleas. De igual maneira, a convocatoria terá que marcar data, lugar, hora de comezo, duración da mesa e a orde do día que a conformará.

Nos tres casos, a convocatoria ten que ser como mínimo de 7 días de antelación. A hora de comezo e o lugar de realización poden ser modificados por motivos de forza maior ata 2 días antes de que esta teña lugar.

O grupo de traballo de Organización será o responsable de buscar o lugar idóneo para a realización da Asemblea Veciñal.

O grupo de traballo de Comunicación será o encargado de subir toda a información que se presente, en tempo e forma, ó blog da Asemblea pola Unidade.

Orde do día

A orde do día elaborarase por parte da Coordinadora Xeral; no caso de ser unha solicitude, esta deberá de constar da orde do día e deberá presentarse por escrito na referida asemblea.

A orde do día farase pública con 7 días de antelación.

Presentación de documentos

Os documentos que se presenten á Asemblea Xeral para o seu debate e aprobación deberán estar expostos no blog, cando menos, 5 días antes da asemblea.

Os responsables de elaborar os textos base serán a Coordinadora Xeral ou as persoas que presenten a solicitude da Asemblea Veciñal.

Os textos faranse públicos no blog da Asemblea pola Unidade.

Emendas

As emendas poden ser totais ou parciais. As totais serán aquelas que modifiquen por completo un texto presentado, mentres que as parciais serán para engadir ou suprimir algún punto concreto.

As emendas poderanse presentar ata 2 días antes da realización da Asemblea Xeral.

As emendas faranse públicas no blog da Asemblea pola Unidade.

Organización da Asemblea

A Asemblea contará cunha mesa de control, con moderador, responsable de quendas e unha persoa que levante acta. Estes postos poden ser renovados durante o transcurso da Asemblea se esta é de duración longa, maior a dúas horas. As persoas encargadas destas tarefas serán propostas pola Coordinadora Xeral e os relevos serán voluntarios ou propostos polos asistentes á Asemblea Xeral.

O grupo de traballo de organización encargarase de organizar o espazo elixido para a súa realización, os instrumentos necesarios para o bo funcionamento (cadeiras, mesas, encerado, proxector…) e a decoración do lugar.

Tempos de intervención e votación

Farase diferenza entre os puntos que son informativos dos que se presenten para aprobación.

Puntos informativos:

  • Presentación por parte do relator: 10 minutos.
  • Primeira quenda de intervencións pechada: 2-3 minutos por persoa.
  • Resposta á primeira quenda de intervencións: 5 minutos por relator.
  • Votación.

Puntos para a súa aprobación:

  • Presentación por parte do relator: 10 minutos. No caso de existiren emendas, o tempo será tamén de 10 minutos por cada unha.
  • Primeira quenda de intervencións pechada: 2-3 minutos por persoa.
  • Resposta á primeiro quenda de intervencións: 5 minutos por relator.
  • Segunda quenda de intervencións pechada: 2-3 minutos por persoa.
  • Resposta á segunda quenda de intervencións: 5 minutos por relator.
  • –Votación.

A votación realizarase a man alzada co uso de cartolinas diferenciadas por cores, empregando o vermello para o SI e o azul para o NON. Os responsables do reconto serán os encargados da mesa de control. No caso de empate a votos, abrirase unha nova quenda de intervencións e repetirase a votación. No caso de volver a empatar o punto quedará anulado.

 

COORDINADORA XERAL

Este regulamento vai encamiñado ó bo funcionamento da Coordinadora Xeral e regulará os aspectos que a conformen.

Funcións e participación:

A Coordinadora Xeral será o órgano responsable de coordinar o traballo previo á realización das asembleas veciñais. Será o responsable de elaborar a convocatoria, a orde do día e os textos base de cada punto a tratar.

Será responsable de coordinar os grupos de traballo e as súas propostas. Recollerá a información ou propostas da veciñanza ou das organizacións locais que fagan achegas.

Os membros da Coordinadora Xeral elixiranse mediante votación na Asemblea Xeral. A duración da Coordinadora Xeral será anual. Poderán presentar candidatura á Coordinadora Xeral toda a veciñanza maior de 16 anos de idade, con dereito a presentar propostas, voz e voto na Asemblea Xeral. Considerarase veciñanza a todos os residentes que vivan en Cangas polo menos 6 meses ó ano. Para estes efectos considéranse veciños os que estean de forma temporal desprazados por motivos laborais ou de estudos e que sigan tendo en Cangas a súa residencia principal de referencia, aínda que non residan na mesma durante 6 meses.

A coordinadora estará formada por 9 persoas, as cales deberán desempeñar, cando menos, as seguintes funcións:

  • Coordinador/a, que se responsabilizará de xestionar e dirixir as xuntanzas da Coordinadora Xeral.
  • Responsable de Comunicación, que se encargará de lles comunicar á veciñanza e ós medios de comunicacións as resolucións adoptadas pola Asemblea Veciñal.
  • Tesoureiro/a, que se encargará de xestionar a contabilidade da Asemblea pola Unidade.

Convocatoria

A Coordinadora Xeral terá que reunirse cada 15 días, sendo responsabilidade do coordinador/a facerlle chegar a convocatoria ós demais membros, cando menos, con 3 días de antelación, na que se indicará a orde do día, lugar e hora. De igual maneira poderase convocar unha xuntanza da Coordinadora Xeral por solicitude de 3 membros.

Orde do día

A orde do día elaborarase por parte do coordinador/a; no caso de ser unha solicitude, esta deberá de constar da orde do día e deberá presentarse por escrito na referida asemblea.

A orde do día farase pública con 2 días de antelación.

Presentación de documentos

De existiren documentos para debater deberán de se lles enviar ós integrantes da Coordinadora Xeral, cando menos, dous días antes da realización da xuntanza, garantindo o seu estudo polo resto dos integrantes.

Tempos de intervención e votación

O coordinador/a velará polo bo funcionamento da xuntanza, garantindo os principios básicos da democracia participativa, dando pé a debate e réplica por parte dos membros.

A votación realizarase a man alzada, procurando sempre a aprobación por unanimidade; de non poder lograrse, esta será por maioría simple.

Son dereitos da veciñanza

  1. Recibir con tempo a convocatoria.
  2. Coñecer con antelación a orde do día e os documentos informativos que expliquen, xustifiquen ou inflúan nas propostas que realiza a coordinadora ou calquera outro propoñente. Se o debate non é informado non é democrático. Todas as propostas deben de conter un documento que se queira aprobar e unha xustificación clara e directa.
  3. Participar con voz e voto nas asembleas.
  4. Presentar proposicións nas asembleas, que poderán ser votadas na propia sesión ou nunha posterior.

Son deberes da veciñanza

  1. Cumprir e facer cumprir os Principios Éticos e Políticos aprobados na Asemblea pola Unidade.
  2. Defender o carácter individual e apartidario da Asemblea.
  3. Defender o carácter asembleario da organización.
  4. Promover o interese xeral e o ben común tanto na asemblea como fora dela.

Facebook

Twitter