Principios Políticos

 

No presente documento defínense os principios políticos da Asemblea pola Unidade. É guía básica para o posicionamento e discurso da organización nas temáticas máis importantes na vida municipal. Son asumidas polos seus representantes e asemblearios de cara a establecer a postura das nosas decisións.

A división por temas non se realizou cunha óptica estanca, se non para facilitar a lectura e comprensión do texto. En consecuencia, algunhas das materias clave na xestión municipal están presentes en distintos puntos do documento polo seu carácter transversal e de interrelación coa temática a tratar.

 

1.  Radicalidade democrática, igualdade e transparencia

1. A asemblea é o máximo órgano de decisión. Os seus representantes serán portavoces, garantes e defensores dos seus pronunciamentos.

2. A Asemblea realizará os seus procesos de decisión mediante técnicas de democracia directa, delegando na súa coordinadora as tarefas de xestión entre xuntanzas asemblearias e en grupos de traballo outras actividades para as que foran especificamente creados. Do mesmo xeito, os representantes da Asemblea promoverán este método de traballo nas institucións.

3. Os membros elixidos basearán os seus posicionamentos políticos nas institucións e os seus pronunciamentos públicos como representantes segundo os métodos que acorde a Asemblea.

4. A lingua vehicular da Asemblea será o galego e comprometerase a normalización do idioma en todos os ámbitos. Seguindo este criterio, tódalas comunicacións da organización ou dos seus portavocesserán en galego. Reprocharase aos medios de comunicación que recollan citas literais cambiando o idioma empregado.

5. A Asemblea ten a responsabilidade de colaborar, debater, escoitar e convidar ao seu espazo a todos os colectivos e cidadáns do entorno, con especial atención ás vítimas e a aqueles que loiten contra a inxustiza social, o espolio ambiental ou calquera outro tipo de discriminación.

6. A Asemblea posicionarase en contra de todo tipo de manifestación machista, clasista, xenófoba ou discriminación por razón de xénero ou orientación sexual. Tampouco se tolerará calquera tipo de corrupción política e delitos que atenten contra os dereitos dos traballadores ou outras colectivos. En consecuencia, non se colaborará en ningún ámbito con persoas e organizacións que se atopen condenadas por algunha destas causas.

7. A Asemblea e os seus representantes terán unha especial sensibilidade coa igualdade de xénero, asumindo e promovendo iniciativas municipais que fomenten a igualdade das mulleres na procura da súa emancipación en todos os eidos e facilitando a denuncia de todos os casos de violencia machista e de exclusión por razón de xénero.

8. A Asemblea facilitará que calquera veciño poida participar no Concello ou, de non ser isto posible, comprometerase a facer chegar a voz dos mesmos mediante os seus representantes.

 

2.  Procomún, servizos públicos e autoxestión

1. A Asemblea defenderá os intereses xerais, afastada de posicións partidarias ou persoais, buscando o ben común da veciñanza de Cangas, do seu territorio e dos seus intereses, sempre que esa defensa non entre en conflito con outros valores que se defenden noutros apartados deste documento político (ecoloxismo, igualdade, etc).

2. Apostarase na actividade e xestión nas administracións pola defensa de servizos públicos de calidade. Asemblea defenderá a xestión pública directa de tódolos servizos que se prestan dende o Concello e, cando fora posible e recomendable, apostará pola autoxestión dos mesmos. No caso de ser necesaria a contratación de organizacións externas, optarase por mecanismos (concursos, licitacións, etc.) que garantan a transparencia e a igualdade de condicións no acceso.

3. Na medida que o permita a lei, introduciranse condicións nos pregos de concursos e licitacións que aseguren o respecto ambiental e unhas condicións laborais dignas do persoal contratado e penalicen ás empresas que teñan algún procedemento de sanción fiscal, administrativa ou laboral.

4. Do mesmo xeito, optarase tanto na xestión interna da organización como nas administracións por provedores, subministros e compras puntuais igualmente baixo criterios de proximidade, certificación ambiental e laboral.

5. No ano 2010, o Concello de Cangas mercou e puxo a disposición da Xunta os terreos necesarios a construción do Centro de Saúde de Aldán e O Hío. Este proxecto mesmo apareceu nos orzamentos autonómicos do ano 2012, pero non foi executado e non volveu a ser incluído desde aquela. A Asemblea sumarase aos múltiples colectivos e veciños nas súas reivindicacións de construción, dotación e posta en funcionamento deste espazo, co que poder recibir un servizo de atención sanitaria primaria digno.

6. A progresiva diminución na dotación de recursos para a educación e sanidade públicas está a producir un deterioro na atención aos cidadáns. O municipio de Cangas non é alleo a esta tendencia, con especial incidencia na diminución e centralización dos servizos de pediatría no Centro de Saúde de Cangas e o insuficiente número de ambulancias para atender as urxencias sanitarias do Concello. A Asemblea defenderá nas institucións e na rúa o dereito a uns servizos públicos de calidade.

7. A Asemblea aposta pola construción dun Centro de Alta Resolución do Morrazo, que permita aos cidadáns da comarca evitar desprazamentos aos hospitais de referencia en Pontevedra e Vigo para probas diagnósticas. Este CAR debera ser o primeiro chanzo para a creación do futuro Hospital Público do Morrazo.

8. A Asemblea pola Unidade considerará a vivenda coma un dereito de todos os cidadáns polo que se manifestará en contra dos desafiuzamentos de primeiras vivendas, e apoiará calquera medida que poida reverter na mellora desta problemática social.

 

3.  Modelo económico e de desenvolvemento

1. O desenvolvemento económico de Cangas vai ligado ó dos municipios limítrofes, así como a contorna metropolitana de Pontevedra e Vigo. A Asemblea entende que este feito fai imprescindible a coordinación e a implantación de iniciativas conxuntas nos organismos e institucións que correspondan.

2. O modelo ‘desenvolvimentista’ da economía occidental na que estamos baséase na explotación continuada dos recursos, baixo a premisa de que son ilimitados, e dos territorios con menos poder, conseguindo ‘materias primas’ e produtos a baixo custo aproveitando a relación de dominación. As crises de recursos e crecentes desigualdades en moitos territorios (alimentos, auga, enerxía, etc.) dan boa mostra do insostíbel deste sistema. É obvio que a Asemblea non ten capacidade para mudalo, máis si pode tratar de implementar políticas locais que favorezan un modelo sostible de desenvolvemento e, mesmo aplicar certos paradigmas das políticas de ‘Decrecemento’ ou a Economía do Ben Común.

3. A Asemblea procurará ser un facilitador no fomento de modelos alternativos baseados na xestión colectiva, cooperativista e encamiñados ao fortalecemento da economía local e á mellora da calidade de vida dos veciños.

4. Neste sentido, a Asemblea tamén levará a cabo iniciativas de fomento do comercio de proximidade, o apoio das PEMEs e á economía social.

5. Doutra banda, a actividade turística, hoteleira e de restauración, impulsada por unha conexión máis sinxela coas cidades (Vía rápida proximamente desdobrada en autovía, gratuidade da peaxe de Rande, etc.) e unha promoción máis intensa (facilitada polas novas tecnoloxías), continúa a crecer de forma sostida. O turismo é un dos grandes eixos de potencial crecemento, pero debe apostarse por un aproveitamento sostible dos recursos, tendendo cara un turismo de calidade e respectuoso en termos medioambientais e de sustentabilidade social (evitando a masificación, a especulación urbanística e a ‘xentrificación’).

6. Máis aló da evidente riqueza paisaxística, o turismo gastronómico e a restauración é un dos valores con proxección no noso concello e, en xeral, en toda a area económica Pontevedra-Vigo. Nese sentido, a Asemblea apostará pola recuperación de zonas tradicionalmente agrogandeiras , agora en estado de abandono, para o subministro do mercado local de proximidade (doméstico e profesional) facilitando a concentración parcelaria, as cesións de uso e apoiando proxectos de agricultura e gandaría ecolóxica (con certificación ou sen ela), e por derivados e actividades complementarias a estas (queixo, mel, conservas, etc.) que xa se están dando na comarca.

7. Con estes obxectivos a Asemblea comprométese a contribuír co cambio de sistema económico cara un asentado no procomún, nos servizos públicos e na autoxestión.

 

  4.  Ecoloxismo, urbanismo  e mobilidade

1. A enerxía é un factor clave no noso estilo de vida. Porén, a súa xeración mediante a actual explotación de combustibles fósiles e outros recursos naturais son claramente insostibles. En consecuencia, a Asemblea, como organización, contratará con comercializadoras que aseguren a orixe ‘renovable’, reutilizará ó máximo seus materiais, reciclándoos cando non sexa posible, e procurando eliminar de xeito adecuado os produtos non reaproveitables.

2. Nas institucións, promoverá a implantación de medidas de aforro e eficiencia enerxética (enerxía solar, biotérmica, etc.) nos inmobles municipais e establecerá criterios de compra verde nos procesos de contratación que realice o Concello, contratación pública sostible e compra pública responsable.

3. A Asemblea apostará pola eliminación dos combustibles fósiles e o transcurso cara un modelo enerxético sostible e renovable.

4. A tendencia dominante no urbanismo e mobilidade modernas é a de minimizar da necesidade de uso do vehículo privado, xa que é un dos grandes emisores de substancias contaminantes. A Asemblea apostará por un modelo de mobilidade que faga innecesaria a utilización deste medio de transporte. O modelo da Asemblea basearase nos desprazamentos de mobilidade branda (aqueles que non empregan un vehículo a motor) e un claro reforzo do transporte público, especialmente nas zonas agora deficitarias, explorando o transporte a demanda nas zonas onde o resto non sexa viable.

5. A ausencia dun plan urbanístico moderno, adecuado a un concello con núcleos consolidados de características tan distintas como o de Cangas, provoca numerosos problemas para o desenvolvemento urbano ordenado e respectuoso co entorno. Co ánimo de solventar esta eiva, a Asemblea promoverá a elaboración dun documento con vocación de permanencia, consensuado con colectivos cidadáns, que teña en conta as carencias detectadas no actual planeamento, e que desbote as tentacións especuladoras de anteriores intentos.

6. A Asemblea defenderá un uso racional e sostible dos recursos naturais cos que conta o municipio. En consecuencia, apoiará o marisqueo e a pesca tradicionais, a agricultura e gandaría ecolóxica, fronte a modelos máis agresivos e empobrecedores do medio.

7. A introdución de especies animais e vexetais alóctonas supoñen unha grande ameaza para o ecosistema propio. A Asemblea impulsará e colaborará con actuacións que supoñan a restauración do noso medio natural orixinal. Así, promovera medidas nas institucións e a mobilización social contra a a eucaliptización, a velutina e outras especies foráneas.

 

5.  Descentralización municipal e integración supramunicipal

1. A liña difusa entre o rural e o urbano do noso municipio, dentro do que poderiamos denominar como trama rururbana, fai que a súa organización territorial uniforme non sexa posíbel. Este feito vese potenciado por unha falta case total de ordenación no territorio. A Asemblea recoñecerá os diferentes modos de organización, polo que respectará a distribución tradicional en aldeas e parroquias no entorno rural e en barrios na parte máis urbana do municipio.

2. A intensa interrelación histórica e os vencellos culturais, económicos e sociais cos concellos da contorna, xunto coa endémica limitación orzamentaria provocada polo insuficiente tamaño do noso concello fan que a Asemblea entenda a comarca como entidade máis axeitada para a organización territorial no noso territorio, superando os marcos da actual división en municipios. A nosa organización entende a comarca do Morrazo composta polos actuais municipios de Cangas, Marín, Moaña e Bueu.

3. Conforme ao obxectivo expresado no anterior punto a Asemblea colaborará coas organizacións, políticas ou non, que compartan este modelo de comarca descentralizada en barrios e parroquias. Con ese fin, procurará a confederación con esas forzas e, de non existir, poñerase a disposición dos veciños dese territorio, na medida das súas posibilidades, para que se impulsen.

4. Doutra banda, a nosa situación xeográfica entre dous potentes polos de atracción como son Vigo e Pontevedra fai que a Asemblea considere adecuado apostar por unha vertebración con estes eixos a través dunha gran área metropolitana, que recoñeza a realidade urbana multipolar existente, na procura da mellor xestión de servizos agora pouco coordinados, como o transporte, a xestión de subministros ou a oferta e promoción turística.

5. Debido ao modelo de organización local que defende a Asemblea, maniféstase contraria ás Deputacións Provinciais, sendo un elemento centralizador do Estado con grandes eivas democráticas. As súas competencias terían que repartirse, segundo se considere máis axeitado, ás Comarcas e á Xunta. Aínda no modelo de organización municipal actual, consideramos que as deputacións son igualmente prescindibles.

 

6.  Cuestións de ámbito superior ao comarcal

1. A Asemblea pola Unidade recoñécese como unha organización con vocación municipalista. Porén, baixo a máxima de “Pensa globalmente, actúa localmente” loitará por un mundo máis xusto a través dos medios que teña dispoñibles.

2. Así, apoiará as iniciativas que contribúan a poñer fin á explotación de terceiros países e persoas, sensibilizando á cidadanía das avantaxes que desfrutamos por vivir no noso país, das que moitas veces non somos totalmente conscientes.

3. A Asemblea tomará desde as institucións as medidas necesarias para facilitar a acollida no noso municipio de persoas refuxiadas e desprazadas por conflitos, desastres naturais, etc, e promoverá e apoiará actuacións cidadás que axuden a paliar as consecuencias destes feitos (envío de axuda, accións de voluntariado in situ, etc.).

4. Do mesmo xeito, a Asemblea denunciará os comportamentos e accións que considere inxustas, inconvenientes (ou mesmo delitivas) por parte de administracións superiores ou outras entidades con implantación no territorio.

5. Con este obxectivo, impulsará medidas para conseguir o cumprimento efectivo da Lei de Memoria Histórica de España (52/2007), en especial na erradicación de símbolos que exalten a memoria dos golpistas.

6. A Asemblea pola Unidade recoñece e apoia o dereito a decidir dos pobos. Neste sentido, asume o carácter nacional de Galiza, traballará pola aceptación dese carácter por parte do Estado español e da cidadanía que aínda non o admite e posicionarase en contra dos ataques ás posturas diverxentes do centralismo estatal.

7. A Asemblea procurará e explorará a colaboración fraternal en igualdade coas forzas que compartan seus obxectivos.

 

Facebook

Twitter