De solo agrícola e sector primario

Nos últimos días estase a dar un debate en todos os niveis, tanto público como privado sobre a posibilidade de crear ou buscar novos terreos de caracter insdustrial no noso concello, concretamente nos montes de Aldán, terreos reclamados pola veciñanza como seus e pendentes de setencia sobre a súa titularidade.

Partimos da máis que evidente necesidade de crear emprego na nosa vila e baixar a taxa de desemprego, sobre todo entre a xente máis nova e mulleres (sectores da poboación con peores datos). Para lograr isto parece que a máxima é dotar Cangas de terreos con cualificación de solo industrial.

Queremos abrir un debate sobre esta cuestión, xa que consideramos que hai certos puntos que considerar

Calquera que sexa a localización dos terreos precisa que sexan adaptados e acondicionados, isto supón un impacto ambiental forte e a necesidade de un estudio do hábitat que se quere modificar e das consecuencias que iso terá na comunidade. Se falamos do caso concreto de Aldán, o terreo ten unha orografía complexa con desniveis de terreo importantes, implicando grandes movementos de terra, e afectación máis que evidente do nacemento de varios regatos, que xa foron danados coa “vía de alta capacidade” actual e mesmo de afectacións de achados arqueolóxicos.

A maiores hai que analizar que sectores ou que empresas estaría interesadas en instalarse, nun momento como este no que a deslocalización cara países nos que é máis barato a produción hai que ter garantías de que o terreo que se adapte se ocupe, xa que existen no pais numerosos casos de ampliacións ou novos parques que están baleiros basta con acceder a páxina web de Xestur e buscar e solo industrial a venda.

A maiores de estas puntualizacións na Asemblea pola Unidade, creemos que unha vila ou comarca pode medrar con modelos alternativos de desenvolvemento de emprego. Existen en Cangas e na comarca proxectos que aposta pola agricultura e gandería ecolóxica e os seus derivados (queixo, mel, conservas, …). Tamén existen alternativas forestais ao eucalipto e monocultivo que a maiores de dar maior rendibilidade económica protexen contra incendios e dan valor paisaxístico e medioambiental. Apostando pola recuperación de zonas tradicionalmente agrícolas potenciando o consumo local e de proximidade.

Pensamos que o desenvolvemento económico de Cangas debe de ir ligado ao dos concellos limítrofes de Moaña e Bueu e que debemos rematar co minifundismo localista de “todos todo” e apostar por un crecemento conxunto e consensuado, onde exista cooperación, entendemento e sinerxías.

A Asemblea pola Unidade non está en contra da creación de solo industrial en Cangas, pero si de facelo “porque si”. Antes de crear solo industrial é preciso elaborar un Plan de Desenvolvemento Local onde se conte con Bueu e Moaña e ver as necesidades e potencialidades de cada sector produtivo, apostando por un crecemento sostible, ecolóxico e de proximidade, traballando de maneira conxunta entre os tres concellos e localizando este onde o terreo o permita e sexa preciso.

Para rematar facémonos unhas preguntas que se deberían responder dentro do Plan de Desenvolvemento Local

  • ¿Precisa Cangas máis solo industrial, precisa un plan estratéxico de recuperación de solos agrícolas – gandeiros e de aproveitamento forestal ou ambos?
  • ¿Se aumenta a demanda de produto local aumentará o número de produtores locais? ¿Canta xente nova apostaría por traballar no monte ou no campo?
  • ¿É posible que cambiemos os nosos modelos de consumo por outros máis conscientes e sostibles a longo prazo? ¿Sería posible abastecer a restauración da comarca con produto local?
  • ¿Cantos postos de traballo acadaría o Plan de Desenvolvemento Local?
  • ¿Que beneficios medioambientais tería recuperar terreos en desuso?

 

Facebook

Twitter