Crónica da visita ó Parlamento Europeo e paticipación no REALP 2017

Os pasados días 7, 8 e 9 de febreiro de 2017 celebrouse no Parlamento Europeo en Bruxelas unha nova edición da Iniciativa REALPE – Rede de Representantes Electos e Autoridades Locais Progresistas en Europa, encontro organizado polo Grupo Parlamentario da Esquerda Unitaria Europea / Esquerda Verde Nórdica (Grupo GUE/NGL), no que está integrada a eurodeputada galega Lidia Senra.

Logo de ser convidada polo grupo parlamentario a participar xunto con outros 29 cargos municipais galegos, viaxei ata Bruxelas para coñecer persoalmente o traballo que se desenvolve no Parlamento, abordar no encontro asuntos locais dende unha perspectiva máis global e coñecer outras experiencias que se están a dar en outros países de Europa, sendo esta unha grande oportunidade tamén para o intercambio de ideas con outros concelleiros de Galiza.

A nosa chegada foi o martes día 7 cara ó mediodía, e dende o aeroporto fomos directamente ó Parlamento onde nos esperaba a eurodeputada Lidia Senra para darnos a benvida. Na entrada principal do Parlamento estaba tamén a prensa (TVG) que recolleu as primeiras declaracións sobre todo dos alcaldes galegos que acudiron ó encontro, que manifestaron a ilusión e a grande oportunidade que supuña para todos nos estar alí.

Despois dun bo almorzo nas inmediacións, nos diriximos ó interior do edificio principal onde nos presentaron unhas nocións xerais sobre a organización e o funcionamento do día a día dunha una institución política internacional multilingüe como o Parlamento Europeo, e tras esa introdución camiñamos ata o corazón mesmo do parlamento: o plenario onde os 751 deputados do Parlamento Europeo se reúnen durante as sesións plenarias, e se nos explica como son distribuídos os lugares neste hemiciclo. Os 751 deputados son elixidos nos 28 Estados membros da Unión Europea, e non se agrupan por nacionalidades, senón que se agrupan por ideoloxías en Grupos Políticos.

Tras este primeiro acercamento ó Parlamento, houbo tempo para percorrer a cidade de Bruxelas e manter conversas cos compañeiros de viaxe, e coñecer como se traballa a nivel municipal en concellos próximos, e no peor dos casos consolarnos mutuamente polo traballo que temos entre as mans no día a día nos nosos concellos, gobernando ou non.

MÉRCORES 8 DE FEBREIRO DE 2017

Logo dunha mañá visitando os puntos máis singulares da cidade, voltamos ó Parlamento para inaugurar oficialmente o encontro REALPE, que nesta primeira sesión se centrou nas Accións que os municipios poden poñer en marcha para o fomento do emprego, a industria e a defensa dos dereitos sociais”

A introdución ó encontro corre a cargo do vicepresidente do GUE-NGL, Neoklis Sylikiotis que contextualiza este encontro facéndonos ver que todo o grupo parlamentar provén tamén da política local, e son o único grupo que dende Europa están a loitar contra as políticas neoliberais de austeridade, políticas que marcan o día a día das localidades: o desemprego, a desindustrialización, as privatizacións, a precariedade laboral, os ataques contra os dereitos sociais, laborais e sindicais, centrarán os relatorios.

Nesta sesión os relatores foron:

Geert Asman, PTB, Concelleiro en Zelzate (Bélxica) que comentou a súa experiencia no seu municipio coa crise vivida no 2012, coa privatización dos servizos de gardería e os recortes que sufriron certos servizos socioculturais. Centrou o seu discurso na necesidade de manter a loita na rúa polos dereitos sociais, e como o movemento da cidadanía pola defensa dos servizos públicos debe facernos repensar as solucións que se dan ós problemas dende os gobernos locais, antes de aplicar recortes nos presupostos municipais se debe estudar e xustificar se é un servizo é esencial para a cidadanía.

Maximino García Suárez, IU, Concelleiro en Morcín (Asturias, Estado Español) acusa ó goberno central de actuar en contra dos dereitos sociais e de sumir á cidadanía española nunha profunda pauperización, non so dende o goberno central senón tamén nos municipios a través da Lei de Racionalización da Administración Local, que reduce a autonomía municipal e suprime competencias relativas á educación, a saúde, ós servizos sociais que pasan a depender das Comunidades Autónomas, e en moitos casos deixando en mans privadas a xestión destes servizos públicos. Sufrimos en España as consecuencias do bipartidismo, e se nota os lugares onde goberna a día de hoxe a esquerda real, que prioriza as persoas, manexando de forma máis eficiente os recursos económicos locais (pobreza enerxética, servicios sociais de emerxencia,..), de forma máis transparente. Os obstáculos foron e son que a débeda privada pasase a ser débeda pública, os rescates bancarios, as reformas laborais, as tramas de corrupción, o fraude nas contratacións públicas,… é continuamos a sufrir as consecuencias de todos eses obstáculos. Ainda así por ser o goberno municipal o máis cercano á xente de a pe, estamos obrigados a facer un exercicio de transparencia cos cidadáns e esixir que se combata a corrupción, combatir os paraísos fiscais, e buscar o equilibrio entre medioambiente e emprego.

Jean-Paul Lecoq, PCF, Alcalde de Gonfreville l’Orcher, Seine Maritime (Francia)

Importancia da intervención pública local para regular os mercados e o emprego, nestes tempos de conflito, pobreza e desigualdade social, os gobernos locais de esquerdas deben respaldar a industria, as actividades artesanais e cooperativas, dándolle un carácter máis humano á creación de emprego dende o local, e respaldando tamén que os servizos públicos esenciais estén a disposición da cidadanía. Pon o exemplo dunha corporación local que actuou como unha entidade bancaria, dando un crédito a cargo do orzamento municipal, para manter os empregos dunha empresa local. Conseguen salvar 115 postos de traballo da rexión. O Estado non se sinte cómodo con esta decisión, pero contou co apoio dos veciños da rexión e incluso da prensa. Caso: Empresa ISOPLAST.

Carlos Humberto Carvalho, PCP, Alcalde de Barreiro (Portugal) fala do proceso de desindustrialización de Barreiro, localidade da area metropolitana de Lisboa, que a raíz da adhesión de Portugal á CE ve como a industria interior de Portugal quedou desprotexida, sendo incapaz de competir coas empresas estranxeiras, e levando ó empobrecemento da localidade (privatizacións), desaparecendo gran parte do tecido produtivo industrial (sectores químico e textil), e agravado pola crise socioeconómica nacional e mundial no ano 2008.

Esta perda do tecido produtivo levou a unha importante perda de pobación nas últimas, edificios abandoados e degradados, e aumentaron os problemas de índole social. Dende o goberno local, a pesar de non terreos de propiedade municipal para o desenvolvemento económico da zona, traballaron nunha “Rede de empregabilidade”, Redes de apoio para o desenvolvemento local, traballo conxunto entre entidades locais e nacionais, promoción internacional da rexión, creación da terminal multimodal de Barreiro co porto de Lisboa, Plan estratéxico de desenvolvemento do “Quimiparque” que son mais de 500 hectáreas abandoadas de chan industrial… Son en definitiva posibles solucións que se están a dar na actualidade nesa zona para recuperar a riqueza, o emprego e a poboación.

Eneko Etxeberria, Alcalde de Azpeitia (Bildu – Euskal Herria) contextualiza a crise industrial de Azpeitía no ano 2008 cunha forte pérdida de emprego industrial en sectores orientados á construcción, como a fabricación de mobles, ou a fundición de ferro orientado á construcción.

A proposta do goberno local foi dotarse dun Plan estratéxico, e de fórmulas democráticas e regulamentos participativos que incorporasen ós cidadáns na toma de decisións de calquer tipo (urbanismo, servizos, obras) e con total transparencia, para a creación dun novo modelo de desenvolvemento local construído por e para toda a cidadanía. Todos os axentes do territorio colaboran neste “modelo en rede” (centros educativos, institucións, sindicatos, empresas, comerciantes, autoridades), polo que se pasa dun modelo endóxeno (captación e instalación de grandes empresas no territorio sen máis) a un modelo colaborativo, onde todos teñen unha visión do que acontece ó seu redor, e dende o goberno local se establecen mecanismos de control e asesoramento para limitar e regular o mercado, con servizos como o asesoramento a empresas, a aposta pola economía social e as cooperativas, a formación e identificación de sectores estratéxicos, un modelo social baseado na solidaridade. Apostaron por a mellora de servizos sociais, e dende o concello por dar axudas porta a porta para axustarse as necesidades reais da veciñanza.

Outros debates:

Baixo o meu punto de vista, o máis interesante do encontro prodúcese no momento en que se deixa intervir ó publico, os representantes municipais de distintos países de Europa, que expoñen a realidade que están a vivir nos seus municipios ó ter que asumir políticas estatais que atentan contra a autonomía municipal, a democracia local e a participación cidadá para dar cumprimento ós compromisos con Europa de sostenibilidade financieira.

Co fin de camiñar cara novos modelos de desenvolvemento, as organización e movementos da sociedade civil están a desenvolver novas iniciativas e propostas para frear as reformas neoliberais, frear este capitalismo totalmente desvinculado do territorio, e poñer en valor os dereitos das persoas e os pobos, activando palancas económicas e xurídicas concretas que a nivel local poidan servir para facer fronte ós problemas de autonomía e soberanía local.

As intervencións seguintes demóstranme que moitos dos problemas locais estanse tamén a dar noutros países europeos, sobre todo no relativo a privatización dos servizos municipais (recollida de residuos, servizos de limpeza viaria, abastecemento de auga potable, accesos a núcleos de poboación, tratamento de residuos) e vexo cómo o tema da “remunicipalización” da auga é tendencia en Europa, sendo moitos os lugares que están a experimentar o fracaso da privatización da auga (fíxose unha proposta para que se estudiase facer un Xuntanza do grupo parlamentario sobre a auga en Marsella –Italia: Referéndum da auga). O transporte e mobilidade, a xestión dos residuos, e cuestión das enerxías son tamén outros dos retos compartidos.

Intervención de Óscar Carrete. Concelleiro de Folgoso do Courel. Falou da situación do sector primario no interior de Galiza, onde quedan poucas explotacións gandeiras que se ven abocadas a pechar polos prezos baixo da carne. As axudas da UE como as PAC ou Fondos FEADER acaban en mans de terratenentes, familiares de políticos, lobbies… A UE debe ter un maior control sobre esas subvencións que poderían servir para dinamizar as zonas rurais. Nin a Xunta nin o Estado fai nada polas zonas rurais de gran valor medioambiental e turístico como é o Courel, son zoas que continúan a perder poboación e servizos públicos no seu día a día.

XOVES 9 DE FEBREIRO DE 2017

Retomamos o encontro pola mañá falando sobre a Cooperación entre concellos e boas prácticas para a recepción de refuxiados.”

A introdución á xornada corre a cargo de un dos membros do grupo parlamentario, Dimitrios Papadimoulis de Grecia, que centra a súas reflexións no fracaso das políticas europeas de acollida ós refuxiados, falta humanismo por parte das institucións xa que temos unha UE incapaz de dar resposta e incapaz de aplicar o Programa de reasentamento acordado. Europa está en crise, hai países que se negan a acoller refuxiados, hai propostas da comisión europea para mellorar o problema migratorio, pero a solidariedade entre os estados membros é imprescindible, traballar pola integración real nas comunidades locais, que garanta a educación á infancia e o traballo (non explotado) ós adultos. É moi importante o traballo dos municipios no programa de reasentamento, pero as localidades atópanse con obstáculos burocráticos para facer efectiva esa acollida.

Na xornada os relatores foron:

Stavros Yerolatsites, AKEL, Concelleiro de Strovolos, membro do Comité das Rexións (Chipre)

A crisis migratoria volve á actualidade coas decisións de algúns líderes. Non pode desenvolverse un debate deste tema, sen analizar a raíz do problema: a situación de Oriente Próximo, de Africa do Norte e Europa, onde se pisotea o dereito internacional pola loita polas fontes de enerxía. A responsabilidade da UE nestes conflitos dáse porque é a UE a que exporta armas a Oriente Próximo con beneficios moi cuantiosos; non só están as guerras, senón tamén a pobreza que xenera movementos migratorios (políticas do FMI).

Deben rematar as intervención dos EEUU e da UE nestes países. O mediterráneo estase a converter nunha fosa común, destrúense barcos, a OTAN gasta millóns en vixiar as costas das UE, desta maneira estamos blindando Europa, non se quere participar na acollida de refuxiados nin aceptan as porcentaxes de acollida, hai un triste negocio entre Bruxelas e Ankara que é o acordo vergonzoso entre a UE e Turquía, é importante facer respectar o Convenio de Xenebra, e dar unha resposta clara e legal para solicitar o asilo.

As condicións de acollida de UE as persoas que solicitan o asilo non son adecuadas, os lugares son insuficientes e non respectan os dereitos humanos, as infraestruturas deben ter as condicións oportunas e respectar o Convenio de Xenebra, respectando a dignidade humana.

O papel dos municipios é moi importante, o pobo expresa a súa solidariedade espontánea cos refuxiados, pero é necesario o apoio político tamén.

Sebastian Meskes, Consello Municipal de unha localidade próxima a Berlín

Dende o seu grupo político apoiaron a decisión do goberno federal de Brandemburgo cando abriu as fronteiras ós refuxiados, pero non apoiamos a evolución desta política unha vez que se aprobou o acordo con Turquía, moitas persoas se dirixían as grandes cidades de Alemania como Berlín. Foi unha tarefa enorme ter que acoller a ese número de persoas, a situación volveuse caótica e infrahumana, con campamentos, polideportivos e incluso hangares en situacións insoportables.

En Brandemburgo a situación levouse algo mellor, dispoñían de vivendas e os propios veciños acolleron a refuxiados, polo que se pediu a Berlín que enviase a máis persoas, para sacalos dos polideportivos.

A política de acollida non implica soamente alimentos e vivenda, senón tamén darlles independencia e dignidade, recibindo formación sobre todo as persoas máis novas que son as que máis rápido se poden integrar. Outra cousa moi negativa e actual tamén, é o incremento dos populismos de dereitas en Europa ligado precisamente a presión migratoria actual pois a súa política vai en contra dos refuxiados. Para o seu grupo en cambio, é moi necesaria a inmigración pois repercute moi positivamente no desenvolvemento do municipio, e de outra maneira estarían perdendo poboación, polo que é preciso frear o auxe desa dereita.

Existen iniciativas de a pe que traballan pola integración e a benvida dos refuxiados, cantas máis persoas se involucren neste tipo de iniciativas, menos votarán a dereita radical.

Georgios Katrougalos, Ministro grego de Asuntos Exteriores.

O problema dos refuxiados en Grecia é un problema que non pode resolver un país illadamente, é unha cuestión europea que afecta a orde internacional. É preciso atopar a maneira de coordinar as actuacións das distintas entidades, gobernos centrais, municipios, institucións europeas e entidades da sociedade civil. En Grecia no último ano e medio recibimos a un millón de solicitantes de asilo e emigrantes de camiño a Europa, é unha cuestión de carácter europeo e non nacional, sen que os órganos europeos tomasen as decisións correctas, pecháronse as fronteiras e Grecia converteuse nunha caixa negra onde quedaron atrapadas estas persoas. O primeiro fracaso foi o propio funcionamento da UE e a maneira de tomar e executar as decisións.

Foron persoas sinxelas e voluntarias as que resolveron situacións que lle competían os gobernos. Tras o acordo da UE- Turquía pechouse o fluxo dos refuxiados de Turquía a Grecia, pero é moi difícil traballar coas autoridades turcas, agora o 75% de inmigrantes son refuxiados económicos do Magreb.

Existe unha crise no sistema político-xudicial pois os procesos de asilo están moi burocratizados, se suma a esta crise migratoria a propia crise económica do país.

A nivel municipal, existe cooperación entre os municipios e o goberno central, ofrecendo espazos ou ocupándose da limpeza. Pero un dos primeiros pasos pasa por unha formación completa dos cativos e as persoas máis novas, e cubrir as súas necesidades e resolver este problema dende a solidaridade e a democracia de tódalas partes.

Linda Fleetwood membro do parlamento rexional e do goberno rexional de Kalmar Län (Sur de Suecia)

Nestes doce anos dende o seu grupo conseguiron deter a privatización de servizos como a atención sanitaria e das escolas. No Sur de Suecia os doce municipios que forman o condado cooperaron para acoller ós solicitantes de asilo. Necesitan máis man de obra (sobre todo no sistema sanitario) e está a ser moi positiva a experiencia cos refuxiados. A través de escolas populares se abre un camiño de integración para axudar a estas persoas, e diríxense a todas as persoas que teñen estudos para inicialos no idioma, e facilitar así que consigan traballo e a documentación precisa. A maioría social foi moi solidaria cos refuxiados, foi principalmente a asistencia sanitaria a que permitiu a integración destas persoas na comunidade.

Yasmine Posio Nilsson, membro do parlamento local de Gothenburg, Left Party (Suecia)

En Suecia houbo un cambio de actitude radical no tema dos refuxiados, comezaron con experiencias solidarias de acollida positivas, pero pronto pasouse a pechar as fronteiras por decisións gobernamentais. As iniciativas aplicadas para acoller refuxiados foron moitas en Gotenburgo, corríase o risco de que fose caótico, pero a organización REFUGEES WELCOME soubo organizar a cooperación necesaria, coa participación doutras entidades (CRUZ VERMELLA), o propio municipio actuou con bastante rapidez para darlles indicacións como proceder e onde dirixirse na cidade. Outras actividades que levaron a integración foron actividades deportivas como fútbol, pesca,… as axudas para atopar vivendas baleiras ou aloxamento, ou mesmo o contacto coas empresas locais. Nada disto sería posible sen a implicación dos gobernos, e sen as decisións políticas oportunas para tratar de aliviar estas situación.

Katopodis Grigorios, Alcalde de Vironas (Grecia)

A actual crise migratoria é o resultado de políticas que levaron a guerras e a pobreza, ó cambio climático, sobre todo en zonas de Oriente Próximo, Norte Africa e Asia. O fluxo migratorio trouxo moitos refuxiados a Grecia, o cal xerou moitos problemas polo sua propia crise económica, alimenta a ideoloxías de extrema dereita, crea tensións nos modos de vida das persoas e afecta o mercado laboral. Pero a solidariedade das organizacións, dos pobos e dos partidos progresistas traballan por humanizar este traballo, por atender os campamentos de refuxiados.

Cando outros países pecharon as súas fronteiras, quedou demostrado que os líderes europeos estaban paralizados e non souberon dar resposta. Grecia coa sua propia crise económica non pode facer fronte a cantidade do número de refuxiados que chegan, e esta situación afecta tamén gravemente o seu turismo. Dende os municipios se están a facer grandes esforzos: colexios, alimentación, vivendas, limpeza; pero dende a dereita non están de acordo co gasto que supón para os municipios.

Propón tamén unha reunión do REALPE no seu país para tratar este tema, e incluso crear unha rede de turismo solidario.

O debate que se da a continuación foi moderado pola eurodeputada Lídia Senra.

Outros debates:

Pierre Veloc _ Vicepres Consejo Madne París – Municipio de París.

Francia non cumpriu coas súas obrigacións, en cidades de gobernos comunistas sí se fixeron esforzos para a acollida de refuxiados, como o centro de refuxiados nunha propiedade dunha planta de auga baleira, e púxose en marcha este centro. A Fundación EMAUS é unha asociación internacional que fai unha grande labor, moi profesional a hora de traballar con persoas en risco social. As principais dificultades as que nos enfrontamos son: o tema dos menores illados ou non acompañados, acollémolos pero o reparto no é homoxéneo, e temos moi poucos medios polas políticas de austeridade do goberno, temos que traballar en pro da independencia e da autonomía, para formalos no idioma; hai persoas con estudios que son degradados dos seus oficios pois non se lles convalidan os estudios; falta vivenda digna; existen redes mafiosas que os explotan sen preservar os seus dereitos sociais; os cidadáns deben cooperar en el acollemento destas persoas, e que non se repita a “Jungla de Calais”

Maria Nicolara de Lesbos. As tres illas do norte do Exeo acolle na actualidade 11 ou 12 mil persoas, dende Europa se están a desenvolver novas iniciativas dende os municipios que poden dar lugar a novas solucións para este problema, axudando tanto os refuxiados como a propia localidade. Existe unha guía de boas prácticas para poñer en práctica. Temos imaxes do verán do 2015 que deron a volta o mundo, estas imaxes seguen circulando hoxe en día, co cal a imaxe das illas non mellora, estas illas ofreceron a súa solidariedade ós refuxiados pero o mesmo tempo foron fortemente castigadas polo mesmo tema, sendo entornos medioambientais e históricos ideais para o turismo pero non deixan de perder visitantes europeos, por ser consideradas guetos de refuxiados. O dano a corto prazo é a publicidade negativa que se da dos lugares que acollen ós refuxiados, e sobre todo debido a forza das imaxes que se trasladan. Gracias o goberno de Syriza e de moitos municipios, se puido dar exemplo de solidariedade cos refuxiados, pero tamén é preciso mellorar a situación económica e o desenvolvemento das illas. Trátase de impulsar boas practicas que sexan recíprocas que beneficien os refuxiados e tamén as illas: “vacacións solidarias”, “viaxes educativas”, conferencias, “a economía da solidariedade” que pode servir para apoiar a produción de empresas locais,…Propón tamén unha conferencia en outubro do REALPE sobre este tema.

Mari France (Francia) –

Pregunta a Sebastián, ¿Como se fai o “reparto” ou a ubicación dos refuxiados nos municipios ou nas rexións?, porque é moi aleatorio, hai quen acolle e quen non.

Resposta – A cantidade de refuxiados se calcula por un coeficiente por poboación e por capacidade económica de cada poboación. (…)

Pregunta a Yasmin, en relación coas vivendas baleiras, ¿como as autoridades poden intervir coas entidades privadas para promover e recuperar estas casas?

Existe a oficina de inmigración para negociar as vivendas segundo as regras da propia UE, hai posibilidade tamén de que os gobernos locais constrúan edificios ou atopen casas baleiras, a través do traballo de ONGs, ou a través de empresas privadas unha vez que os nenos están escolarizados e os pais estudan o idioma e están tratando de empregarse.

Pregunta xeral – ¿Como poñer en marcha obras de solidariedade, ou campañas para a promoción de Grecia en xeral, como exemplo de solidariedade?

Para rematar están as intervencións dalgúns dos compañeiros de viaxe:

Jorge González. Concelleiro por Son do Pereiro de Aguiar. – Sería moi bo para todos ter tamén unha visión deste problema dende os lugares da periferia, Galiza é unha rexión periférica de EU, diferenciando a súa franxa atlántica moito máis dinámica, e a zoa interior nunha situación máis dramática de perda de poboación. Sorprendeume o do “turismo solidario”, e a única fiestra aberta que vexo para vitalizar a nosa terra, pero vexo grande desidia polas autoridades para facer unha planificación e artellar actuacións sistemáticas que permitan a acollida de refuxiados e que ó mesmo tempo poida axudar a incrementar e rexenerar a poboación destes municipios. Fálase de solidariedade dos pobos, pero o mesmo tempo tendo en conta que estamos no Parlamento Europeo é preciso incidir que ten que haber maior mobilización de recursos e compromisos reais para dar actuar no terreo e atallar as consecuencias das políticas neoliberalistas.

Carlos Lorenzo. Concelleiro en Toén _ Non houbo ningún tipo de iniciativa cos refuxiados no seu concello, non se deu a experiencia. Critica a política do Estado Español, pois non está a cumprir co compromiso de persoas a acoller, lávase as mans, dicindo que non é competencia municipal que iso só é competencia do Estado.

Marcos Besada. Alcalde de Salceda de Caselas _ Enumera unha serie de servizos que se están a dar no seu Concello ós inmigrantes sobre todo de Marrocos e de Arxelia, servizos como a formación no idioma galego e castelán, a alfabetización e a formación para o emprego, hai un proxecto extraescolar a cargo de voluntarios para seguir a ensinar o idioma ós nenos, talleres de búsqueda de emprego, en fin pequenos programas, moito voluntarismo, para lograr a integración efectiva.

Maribel García. Concelleira de Monforte _ no seu grupo presentaron unha moción para acoller refuxiados no seu concello, foi aprobada por maioría, pero nunca chegou ningún refuxiado, porque dende o goberno autonómico e central non se poñen os medios senón que máis ben se poñen trabas, cando sí existen concellos e persoas solidarias dispostas a acoller refuxiados.

Para ter máis información consultar os seguintes enlaces:

Facebook

Twitter