Con Grecia

Grecia é o pobo, a masa traballadora desfavorecida, o colectivo pensionista e as crianzas sen o sustento diario. Grecia non son nin a banca nin as elites. A xente pronunciouse alto e claro este domingo, así como en días anteriores na mesma rúa, ou o pasado 25 de xaneiro cando a esquerda constituíu un novo goberno. O referendo convocado polo goberno e o resultado, tanto en termos de participación como de resolución, demostra que cando se abren vías democráticas de participación, a xente responde, porque quere deter toda esta estafa no plano económico e social e, sobre todo, o que ansia é poder decidir. E Grecia optou moi claramente por un modelo continental afastado das tramas do capital. Por outra banda, non nos debera de estrañar cando o país heleno, dende o 2008, perdeu un 25% do PIB, unha porcentaxe idéntica á que tivo lugar ó saír da II Guerra Mundial hai xa varias décadas.

Nós, como en Grecia, opómonos sen fisuras a que se supedite o desenvolvemento económico e social a uns intereses ilexítimos que coutan as xustas aspiracións dos pobos, da súa vontade e soberanía. A derrota da Unión Europea e do FMI está máis preto grazas a un digno proceso de rebeldía que, mediante a urna e a mobilización permanente, está a colocar en apuros ós grandes grupos económicos e financeiros.

A Asemblea pola Unidade desexa pór en valor a convocatoria do pasado domingo como mostra exemplar de participación. Produce satisfacción comprobar que é verdadeiramente posible facilitar que sexa a propia xente a que decida o seu futuro. Os referendos para ir rachando coa UE ou os revogatorios en Venezuela só desgustan ós inimigos do pobo. A nós non. A maioría social agredida no noso país está ansiosa de tomar decisións e de ser parte activa sobre as políticas que lle preocupan. Uns resultados contundentes como o do referendo grego, con máis de vinte puntos de diferenza, apuntan con claridade cara a unha tendencia fóra dos modelos neoliberais. Unha opción que nos debe facer tomar nota, fortalecer esas posturas tamén dende a nosa localidade, e ir marcando con firmeza ese norte en prol da liberación social e obreira.

Avante Grecia.

Facebook

Twitter