Compra verde e subministro eléctrico

MOCIÓN AO PLENO MUNICIPAL DE CANGAS DO MORRAZO

Cangas como Concello de máis de 25.000 habitantes ten que tomar conciencia da  importancia do modelo actual de compra e consumo, non só de bens e servizos senón tamén de obra pública executada tanto por si mesmo como mediante empresas externas.
Debemos avanzar cara modelos de contratación pública nos que se inclúan criterios de carácter ambiental e social que complementen os criterios económicos, de calidade da prestación, de obxectividade  e imparcialidade nos procesos de avaliación e de eficacia na contraprestación que recibe o Concello de Cangas cando realiza unha contratación externa.
Trátase de ser conscientes de que imos consumir e que existe detrás do produto ou servizo consumido.


Falamos de incorporar criterios de Compra Verde, Contratación Pública Sostible ou Compra Pública Responsable nos procesos de contratación que realice o Concello de Cangas. Pretendemos  implementar cambios a curto prazo nos modelos de consumo enerxético do Concello de Cangas nos edificios e instalacións municipais. E queremos que progresivamente os consumos e contratacións do noso Concello camiñen na mesma dirección.
O fin de estes cambios é apostar por unha redución efectiva das emisións de gases de efecto invernadoiro, un problema ambiental de primeiro nivel fronte ao que todos debemos enfrontarnos de forma clara e nunha única dirección. Debemos apostar progresivamente por enerxías renovábeis, enerxías producidas no territorio máis próximo. Entre as enerxías renovábeis que debemos impulsar encóntrase o aproveitamento da biomasa residual procedente das mondas e podas dos montes así como dos residuos producidos nos parques e xardíns. Estas accións non só as temos que cumprir dende o Concello, senón todas aquelas empresas que queiran traballar con nós temos a obriga de esixirllo, xa que esta é a maneira de conseguir un cambio real e efectivo, sendo preciso a medio prazo un Plan de Redución de Gases Invernadoiro.


O que pretende este grupo de goberno non é nada novo pois en moitas capitais europeas (Roma, Copenhague…), e tamén no Estado Español (Madrid, Barcelona, Santiago de Compostela…), hai unha onda de cambio no que se refire ao papel que as administracións públicas poden xogar para construírmos unha sociedade máis sustentable. A nivel europeo este tipo de propostas encaixan perfectamente dentro dun marco moito máis amplo e ambicioso. Cómpre mencionar cando menos os seguintes documentos: a “Estratexia Europea 2020 para un crecemento intelixente, sostible e integrador”; o “7º Programa de Acción Ambiental 2013-2020. Vivir ben, respectando os límites do noso planeta”; e tamén o “Cerrar o círculo; plan de acción da UE sobre a economía circular”.
Tamén existe normativa a diversos niveis que demanda o cambio nos modelos de contratación pública. A nivel europeo cómpre mencionar a Directiva sobre contratación pública (2014/24/EU), cuxo prazo de transcrición era abril de 2016 e que, entre outras ideas de interese para esta proposta, incorpora o concepto de “oferta economicamente máis vantaxosa” fronte a aquela máis común de “prezo máis baixo”. Este cambio supón a apertura á introdución de calidade e sostibilidade á hora de adxudicar os contratos públicos, tal e como se pretende con esta acción do goberno de Cangas.

Por estes motivos queremos que o Concello de Cangas teña maior implicación na construción dunha sociedade e dunha economía sustentable e aposte por un modelo de consumo consecuente con estas ideas.

Esixir do goberno central e autonómico:

  • Esixir o goberno autonómico e estatal a inmediata transposición da Directiva sobre contratación pública (2014/24/EU) e o seu inmediato cumprimento

Para o Concello de Cangas:

  • Introducir os criterios da Directiva sobre contratación pública (2014/24/EU) en todas as compras municipais nas que sexa posible, primando os criterios descritos anteriormente sobre os económicos. Estudando se é preciso elaborar un marco regulatorio propio onde se recollan todas estas medidas.
  • Como medida inmediata e de compromiso con esta idea, cambiar o noso modelo de subministro de enerxía a provedores con certificación de produción con renovables en este ano 2017 en todos os casos que sexa posible.

Facebook

Twitter