Código Ético

Captura de pantalla 2015-05-07 a las 15.00.53

 

Este documento recolle o código de ética nas prácticas e accións políticas que desenvolverá quen represente á Asemblea nas institucións públicas e quen forme a candidatura nas eleccións municipais.

Temos unha nova maneira de facer política, buscamos a transparencia e o bo funcionamento dos entes públicos. Este documento garante a participación real do pobo no noso goberno, crea os mecanismos precisos para un asemblearismo real e participativo. Temos a obriga moral e estatutaria de crear espazos de traballo e de debate onde as decisións sexan asumidas pola maioría.

Estes principios éticos recollen as incompatibilidades tanto dos cargos públicos como dos membros dos grupos de traballo, co fin de terminar cos privilexios da clase política.

Os principios éticos serán de obrigatorio cumprimento por todas as persoas que formen esta candidatura. Se fose posible, trasladarase este codigo ético á administración municipal buscando a sua adhesión.

 

  1. Representación política

 

1.1. Defender o programa político e as decisións aprobadas nas asembleas e grupos de traballo.

1.2. A toma das decisións será asemblearia, os representantes terán que transmitir o acordado nas asembleas de maneira que a información flúa horizontalmente entre a Asemblea, os cargos públicos e os grupos de traballo.

1.3. As axendas de traballo dos cargos que nos representen serán públicas, igual que as actas das reunións.

1.4. O cargo dunha concellería debe estar a disposición da asemblea. Se por mala xestión, ou por falta de confianza, esta decide o seu cesamento, farase efectivo sen demora e a seguinte persoa na lista electoral ocupará o seu lugar. De non ser posible este procedemento nalgún caso, a decisión pasará á asemblea.

1.5. Manter contactos con colectivos en situación de vulnerabilidade e garantir o espazo na súa axenda para atendelos e darlles respostas eficaces fomentando o tratamento de igual a igual.

 

  1. Medidas contra a corrupción

 

2.1. O soldo máximo será dúas veces o Salario Mínimo Interprofesional neto. As prestacións por asistencia a Plenos e Comisións corresponderalles ás persoas electas como concelleiras, para compensar os gastos que asumen por razón das súas funcións.

2.2. Queda prohibido recibir calquera tipo de agasallo de carácter persoal. Esta práctica será denunciada publicamente. En calquera caso, devolverase o agasallo de inmediato fose cal for a súa natureza. A asemblea debe permanecer sempre informada.

2.3. O tempo máximo para exercer o mandato será dunha candidatura, prorrogable a un mandato máis sempre que sexa aceptado mediante a vía asemblearia.

2.4. Cesamento inmediato do posto en caso de imputación por casos relacionados coa corrupción, prevaricación con ánimo de lucro, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno, malversación e apropiación de fondos públicos, ben sexa por interese propio ou por favorecer a terceiras persoas ou entidades.

2.5. Non se presentará nas listas ninguén imputado ou condenado nos casos descritos no punto anterior.

2.6. Crearase unha lista de incompatibilidades cos cargos a ostentar.

 

  1. Financiamento e xestión de gastos

 

3.1. A candidatura será transparente, publicando os datos de gastos e ingresos de forma detallada. Serán accesibles a todo o pobo.

3.2. Fomentar o micromecenado.

3.3. Establécese o tope máximo das doazóns persoais en 400 €.

3.4. Quedan prohibidas as doazóns feitas a través de empresas privadas, fundacións ou calquera formación xurídica allea á candidatura.

 

 

Máis información en Documentos

Facebook

Twitter