BASES REGULADORAS E CONVOCATORIA 2019 DO CONCURSO DE PROXECTOS DE INTERESE XERAL PARA A VECIÑANZA DO MORRAZO

1. EXPOSICIÓN DE MOTIVOS E OBXECTIVO DA INICIATIVA

A Asemblea pola Unidade é un movemento social de carácter político, que se conforma nunha organización, política e xuridicamente soberana. Como se establece nos seus principios e guías de actuación, Asemblea pola Unidade colaborará con cidadáns e colectivos sociais para lograr o Ben Común.

Como establece o Código Ético, os cargos públicos unicamente poderán cobrar un soldo, que en ningún caso superará dúas veces o salario mínimo interprofesional. O destino do resto dos ingresos e retribucións (dietas, compensacións, etc.) que puideran corresponderlles polo exercicio do cargo será decidido pola Asemblea.

A Asemblea Xeral da organización celebrada  o pasado 6 de maio de 2017 decidiu que o remanente da adicación exclusiva rotatoria dos concelleiros electos no Concello de Cangas se adicase a dar apoio económico a organizacións para o desenvolvemento de proxectos que teñan como fin avanzar cara unha sociedade máis xusta, igualitaria, solidaria, sostible e democrática.

Con este obxectivo, a Asemblea decidiu poñer en marcha un concurso de proxectos, que rexerase polas seguintes bases.

2. TIPOS DE PROXECTOS E TEMÁTICAS

  1. Os proxectos a apoiar poden ser de tres tipos:
    1. Investigacións e estudos
    2. Proxectos técnicos
    3. Actividades
  2. Os proxectos deben estar enmarcados nos seguintes ámbitos de actuación ou temáticas:
    1. Igualdade entre mulleres e homes
    2. Inclusión social
    3. Atención á diversidade funcional
    4. Conciliación familiar
    5. Saúde
    6. Ecoloxía e medio ambiente
    7. Economía social e sostible
    8. Participación social
    9. Patrimonio histórico-cultural
    10. Dereitos humanos
    11. Educación en valores
    12. Cooperación internacional

 

3. PREMIOS E DOTACIÓN ECONÓMICA

  1. Para a convocatoria 2019 concederase dous premios aos proxectos que resulten mellor valorados.
  2. Os montantes de cada un dos premios nesta convocatoria será de DOUS MIL CINCOCENTOS EUROS (2.500’00 €).

 

4. REQUISITOS PARA PARTICIPAR

Poderán presentar proxectos asociacións, colectivos sociais e entidades sen ánimo de lucro, sempre que cumpran cos seguintes requisitos:

  1. As entidades sen ánimo de lucro deberán estar constituídas legalmente e inscritas no rexistro correspondente.
  2. As entidades deben ter dentro dos seus fins algúns dos ámbitos de actuación sinalados no punto segundo das presentes bases.
  3. As entidades terán que estar domiciliadas na comarca do Morrazo.
  4. As entidades deberán estar ó día nas súas obrigas fiscais e laborais.
  5. Os solicitantes coñecen e aceptan que a Asemblea pola Unidade realice un seguimento dos proxectos aprobados e comprométense a facilitarlle a información que lles sexa requirida sobre o desenvolvemento do proxecto.

 

5. GASTOS IMPUTABLES Ó PROXECTO

  1. Serán aqueles que estean relacionados exclusivamente coas actividades que se levarán a cabo o proxecto.

Polo tanto, NON serán gastos a incluír nos proxectos:

    1. As propostas que representen unicamente unha axuda económica a unha entidade para os seus gastos correntes de mantemento e funcionamento (aluguer da sede habitual da entidade solicitante, auga, teléfono, electricidade, etc.).
    2. As propostas destinadas exclusivamente á contratación de persoal ou profesionais.
    3. Gastos que xustifiquen dietas, estancias e viaxes do equipo responsable do proxecto que non garden relación directa co desenvolvemento deste.
    4. Pago de débedas ou amortizacións de calquera operación.

6. PUBLICACIÓN DA CONVOCATORIA E PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

  1. A convocatoria entrará en vigor a partir do momento no que se publiquen estas bases na páxina web de Asemblea pola Unidade – http://asembleapolaunidade.gal
  2. A partir dese momento, darase un prazo de 20 días naturais para a presentación de solicitudes.

 

7. PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN

  1. O formulario de solicitude (no anexo destas bases), pódese descargar na web www.asembleapolaunidade.gal
  1. A presentación das solicitudes farase exclusivamente por correo electrónico en formato PDF ao enderezo: comunicación@asembleapolaunidade.gal
  1. As solicitudes deberán ser acompañadas da seguinte documentación:
    1. Memoria descritiva e orzamento da actividade.

No caso de entidades:

    1. A Tarxeta de Identificación Fiscal.
    2. A inscrición da entidade no rexistro correspondente.
    3. Unha copia das páxinas dos Estatutos onde conste a fin social e obxectivos da entidade solicitante.

8. CRITERIOS DE VALIDACIÓN DOS PROXECTOS

  1. Os criterios de validación dos proxectos serán os seguintes:
    1. O proxecto presentado e a entidade solicitante reúnen todos os requisitos e condicións establecidos nas presentes bases e non vulneran o Código Ético da Asemblea pola Unidade nin van en contra da súa liña político-estratéxica.
    2. A xustificación do proxecto está baseada nunha identificación obxectiva de necesidades.
    3. A viabilidade técnica queda patente mediante a coherencia e a correspondencia entre os obxectivos definidos, as actuacións e o orzamento de execución do proxecto.
    4. O orzamento está detallado en todas as súas partidas, coherente cos obxectivos e axustado as actividades previstas.
    5. O solicitante ten capacidade para levar a cabo o proxecto en función da súa experiencia, capacidade de xestión e dispoñibilidade de recursos.
    6. O deseño do proxecto permite que os seus resultados sexan viables a medio ou longo prazo independentemente do aporte.
  2. Suxírense as seguintes recomendacións sobre as características dos proxectos presentados:
    1. Recoméndase que o proxecto teña un carácter innovador en termos de enfoque ou execución.
    2. Recoméndase que o proxecto teña en consideración as perspectivas de xénero e sustentabilidade.

9. VALIDACIÓN DE SOLICITUDES E PRAZO DE EMENDA

  1. A Asemblea pola Unidade nomeará unha Comisión Avaliadora que se encargará de analizar as solicitudes e proxectos presentados para determinar se cumpren cos requisitos formais.
  2. No caso de que haxa que subsanar algún aspecto das solicitudes e proxectos, habilitarase un prazo de sete días despois da comunicación ó solicitante por parte da Comisión Avaliadora.

10. ELECCIÓN DOS PROXECTOS GAÑADORES

  1. A Asemblea pola Unidade encargarase de avaliar os proxectos presentados en tempo e forma, e de resolver cal é o proxecto gañador en virtude dos criterios establecidos nas presentes bases, nomeadamente os apartados 2º , 4º e 8º das presentes bases. Para facelo, poderá pedir opinións externas e contar co criterio de persoas coñecedoras das áreas temáticas dos proxectos presentados.
  2. A comisión avaliadora resolverá a convocatoria presentando unha Acta de Resolución cos proxectos premiados; nesa acta especificaranse as condicións e os acordos establecidos coas entidades premiadas, para a correcta execución dos proxectos conforme ás condicións destas bases e á lexislación vixente
  3. A resolución da Asemblea pola Unidade será inapelable.
  4. Se a asemblea así o determinase, este concurso poderá quedar deserto. En tal caso os fondos non teñen por que sumarse a posteriores convocatorias, e poden ser adicados a outras accións que se determinen oportunas.

 

11. PRAZO DE EXECUCIÓN DOS PROXECTOS

  1. Será obrigatorio investir a achega económica e executar o proxecto na súa totalidade nun prazo máximo de seis meses dende a data do ingreso bancario do premio.
  2. Non se poderán imputar gastos anteriores á data de resolución da convocatoria nin posteriores á data de finalización do prazo indicado.

12. ABONO DAS AXUDAS

  1. Os proxectos gañadores recibirán o 80% do total importe do premio despois de presentada a Acta de Resolución.
  2. O 20% restante entregarase despois da recepción da memoria final do proxecto realizado e a xustificación dos gastos, e cando  teña sido avaliada por parte da Asemblea pola Unidade o proxecto na súa totalidade.

13. XUSTIFICACIÓN DAS AXUDAS

  1. A xustificación do aporte realizarase mediante a presentación dunha memoria e conta xustificativa, ademais de exemplares dos produtos resultantes do proxecto (por exemplo, materiais de difusión, copias do estudo, etc.), se existisen.
  2. A Asemblea pola Unidade tamén poderá solicitar os documentos contables que estime oportunos para comprobar a correcta xustificación das axudas.
  3. O prazo de xustificación dos proxectos é de sete meses dende a concesión das axudas.

14. REINTEGRO

  1. A participación nesta convocatoria suporá a aceptación dos requisitos e condicións xerais establecidas nas presentes bases, e as condicións particulares que se poidan establecer nos convenios de colaboración. O incumprimento de calquera destes requisitos suporá a revogación da axuda e a conseguinte obriga de devolución da mesma.
  2. No caso de que a Asemblea pola Unidade entenda que o proxecto premiado non se executou segundo o establecido, ou que os gastos non foron suficientemente xustificados, poderá solicitar ó beneficiario o reintegro de parte ou da totalidade da dotación económica recibida.
  3. No caso de invalidación dalgún dos proxectos que teñan sido seleccionados como gañadores, estes quedarán eliminados e os cartos asignados para estes proxectos destinaranse para outras posibles edicións.
  4. No caso de violación do Código Ético da Asemblea pola Unidade, presunta comisión de actos ilícitos penais ou litixiosidade civil sobre os medios ou fins do proxecto ou alteración dos obxectivos ou medios para levalos a cabo, que motivaron a súa selección e impulso, a Asemblea pola Unidade poderá requirir cantos informes precise sobre o desenvolvemento do proxecto e, no caso de incumprimento grave, poderá de forma unilateral interromper a súa execución, solicitar a devolución do importe conforme ó establecido como compromiso resolutorio para cos requisitos éticos,  sen prexuízo das acciones de carácter xudicial que puidesen levarse a cabo por parte da Asemblea pola Unidade para as que se acepta expresamente a súa lexitimación procesal.

15. DEREITOS E OBRIGAS

  1. Os solicitantes aceptarán expresamente eximir de responsabilidades á Asemblea pola Unidade por violación dos dereitos de autor ou de marca por parte de calquera dos participantes, así como da responsabilidade civil derivada da execución do proxecto. Segundo a actividade, e nas condicións particulares do convenio, poderase esixir un seguro de responsabilidade civil acorde coa actividade.
  2. Todas as obrigas laborais, fiscais e financeiras derivadas do desenvolvemento do proxecto e das axudas económicas abonadas correrán sempre a cargo do perceptor e do titular do proxecto.
  3. A Asemblea pola Unidade resérvase o dereito ó uso dos resultados intelectuais dos proxectos apoiados.
  4. A Asemblea pola Unidade resérvase o dereito de anular a convocatoria e suspender a dotación económica en calquera momento si o proxecto resultara inviable desde o punto de vista técnico, económico ou legal, por calquera motivo.
  5. A Asemblea pola Unidade resérvase o dereito á interpretación das presentes bases e das Actas de Resolución que se publiquen.

16. PROTECCIÓN DE DATOS PERSOAIS

  1. De acordo coa Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro de Protección de Datos de Carácter Persoal, os datos persoais que figuren no formulario de rexistro serán incorporados ó ficheiro do que é responsable o partido político Asemblea pola Unidade , que os utilizará para xestionar o proceso de selección e o desenvolvemento do proxecto.
  2. Os datos persoais dos solicitantes non serán cedidos a terceiras persoas nin organismos públicos sen o seu consentimento, excepto cando a Lei estableza a obriga de ceder estes datos ás autoridades.
  3. O solicitante acepta e consente expresamente o tratamento dos seus datos persoais e a recepción de mensaxes e comunicacións electrónicas para os fins indicados.

Enlace para descargar as bases e o modelo de presentación de propostas:
https://docs.google.com/document/d/1RXaUR762MncodCLBJHk3a92kMd8mGnXXL1y1uvCURn8/edit?usp=sharing

 

Facebook

Twitter