Área de formación e emprego

Despois de coñecer a publicación dos datos do paro no mes de marzo de 2017, é preciso concretar a relevancia dos mesmos no noso Concello, tendo en conta que a Oficina de Emprego de Cangas é unha oficina comarcal na que se inscriben tamén demandantes de emprego de Bueu, Marín e Moaña.

O dato que se traslada do mes de marzo é que o paro aumentou na comarca do Morrazo en 36 persoas, o cal supuxo 31 postos de traballo menos en Moaña e 5 en Cangas, mentres que en Bueu creáronse 3 postos de traballo pechando o mes de marzo en positivo. O total de persoas desempregadas na comarca do Morrazo no mes de marzo de 2017 é de 5.244 persoas, das cales 2.420 son de Cangas, e no 2016 no mesmo mes o dato total era de 5.593, das cales 2.611 eran de Cangas.

Os datos positivos na creación de postos de traballo nesta época do ano responde a demanda do sector servizos, propiciada pola Semana Santa, temporada alta para o sector turístico; e se ben no 2016 a Semana Santa foi no mes de marzo, neste ano é en abril, polo que os resultados no descenso de persoas desempregadas coñeceranse máis adiante.

Neste contexto, é evidente que non esta na nosa man o poder influír dun xeito significativo no discorrer do mercado de traballo nin na situación xeral da economía, pois as políticas activas de emprego son competencia da Xunta de Galicia e non dos Concellos. En cambio si que está ao noso alcance poñer o noso gran de area na procura da colocación dos desempregados/as, e ofrecer servizos que poidan mellorar a situación do mercado laboral de Cangas, tal e como se veu facendo durante os últimos meses:
1 . MELLORAR A INSERCIÓN NO MERCADO LABORAL DE PERSOAS DESEMPREGADAS: OS PROGRAMAS DE FORMACIÓN PARA O EMPREGO.

No ano 2016 o Concello de Cangas, foi un dos concellos de todo Galicia con máis formación subvencionada concedida pola Consellería, pois concedeuse subvención para un total de 7 accións formativas do Plan AFD (desempregados/as) impartidas na Casa de Oficios, concedeuse o Programa Integrado de Emprego (PIE) dirixido a persoas desempregadas pertencentes aos colectivos con maiores dificultades de inserción, e tamén nos aprobaron o proxecto para o Obradoiro de Emprego de Granxa A Rúa.

O Plan AFD supuxo a formación de 72 persoas en distintos Certificados de Profesionalidade (Titulación Homologada pola Xunta) cun total de 2.890 horas de formación impartidas.

O Programa Integrado de Emprego – PIE (aínda en curso), é un plan integral de emprego e formación que combina accións tales como a orientación e asesoramento, formación, práctica laboral, prospección de empresas e intermediación laboral, para inserción laboral dun total de 60 persoas: 10 persoas con discapacidade, 15 persoas en risco de exclusión social, 5 mulleres vítimas da violencia de xénero e 30 persoas menores de 30 anos con baixa cualificación. O programa inclúe prácticas profesionais en empresas da contorna, co beneficio que supón para ambas partes (empresa e alumno/a) este tipo de actuacións.

No Obradoiro de Emprego realízanse obras ou servizos de utilidade pública ou de interese social que posibilitan ós participantes realizar un traballo efectivo (traballo en obra real) que, xunto coa formación ocupacional recibida, procura a súa cualificación profesional e a inserción laboral. Son en total 20 participantes e 5 persoas no equipo directivo e docente, polo que o Obradoiro supuxo a contratación de 25 persoas por un periodo de 6 meses, e preto de 960 horas de formación en total. Presentáronse tamen os novos proxectos para o obradoiro de emprego 2017-2018 que ampliará a sua duración de 6 a 9 meses na próxima convocatoria.

Ademáis destes programas, realizáronse tamén un total de 8 cursos de “Aplicador- Manipulador de Productos Fitosanitarios” con un total de 229 persoas formadas, e impartíronse cursos de Formación Continua para os Empregados Públicos en temáticas como “Administración electrónica” ou “Transparencia e acceso a información”.

2. PLANS ESPECÍFICOS DE FOMENTO DO EMPREGO DO CONCELLO:

O Plan Concellos 2017 suporá en breve a contratación de 29 persoas desempregadas, sempre respectando a preferencia na contratación dos colectivos máis desfavorecidos e a debida adecuación salarial á cualificación profesional dos postos que se van cubrir no Concello.

Como en anos anteriores, solicitáronse as axudas para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais, así como para a contratación temporal de persoas perceptoras da Risga. Estes programas supoñen a contratación de traballadores/as desempregados/as para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social do Concello, e no 2016 supuxeron a contratación de 15 socorristas para salvamento en praias, 10 persoas perceptoras de Risga con contratos cunha duración de 7 meses.

3. FOMENTO DO EMPRENDEMENTO E DE NOVOS PROXECTOS EMPRESARIAIS INNOVADORES.

O Viveiro de Empresas de Servizos do Concello de Cangas, consiste nunha iniciativa de apoio a novos emprendedores, mediante a adxudicación por concurso público de catro despachos, en condicións de alugueiro moi vantaxosas. Este concurso realizarase proximamente, e o viveiro estará dirixido a empresas de servizos, capaces de xerar certo valor engadido en áreas tales como a consultaría, asesoría, software, desenvolvemento informático e técnico, solucións de enxeñaría etc., en función da viabilidade dos proxectos e a memoria de actividade presentada.
Dende o Concello outra forma de fomentar o emprendemento está a ser o apoio ás Iniciativas Locais de Emprego (ILES) proxectos empresariais innovadores e xeradores de emprego.

4. ACHEGAR SERVIZOS DE ASESORAMENTO ÁS EMPRESAS LOCAIS.

Na Axencia de Desenvolvemento Local ofrécese o servizo de asesoramento a persoas con proxectos empresariais, promovendo o autoemprego e a creación de empresas, indicándolles as posibles axudas e subvencións das que se poden beneficiar, ou de convocatorias de interese para o seu sector. Tamén xestiónase a difusión de ofertas de emprego a través das redes sociais, onde se publican as ofertas de traballo que as empresas locais nos fan chegar.

Facebook

Twitter