APOIAMOS O PROXECTO DE MOBILIDADE SUSTENTABLE DO CONCELLO DE MOAÑA

 

O Concello de Moaña ven de anunciar que retoma a execución do proxecto do Camiño Real, presentando esta proposta ós fondos da convocatoria da Deputación para a mellora de seguridade dos seus viarios municipais.

 
Dende Asemblea pola Unidade, reafirmámonos tamén no noso compromiso coa Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrada – EDUSI, aprobada en pleno en decembro de 2016, e queremos secundar e felicitar a iniciativa do goberno de Moaña para levar adiante esta estratexia de mobilidade sustentable.

 
Consideramos que tamén o Concello de Cangas debe retomar a Estratexia DUSI para unir Moaña con Cangas, e darlle continuidade en Cangas a ese vieiro alternativo dende a zona de A Pedreira ata o centro urbano de Cangas, unificando criterios de mobilidade co concello veciño, e achegando solucións coherentes de mobilidade para peóns e ciclistas dende Moaña ata Cangas.

 
Resolver cuestións inmediatas non debe suplir a visión de futuro, e a necesidade de proxectos integrais a largo prazo que repercutan na mellora da mobilidade futura da veciñanza. A actual convocatoria da Deputación é unha grande oportunidade para que Moaña e Cangas traballen de forma conxunta no ámbito da mobilidade sustentable que desexamos para as nosas vilas, e non intentalo sería un gran erro ao noso entender.

 

 

 

Facebook

Twitter