ALEGACIÓN Ó “ANTEPROXECTO DE EXPLOTACIÓN DO SERVIZO PÚBLICO DE TRANSPORTE REGULAR DE VIAXEIROS DE USO XERAL XG525: PONTEVEDRA-BUEU-CANGAS-VIGO CON ANEXOS”

No Diario Oficial de Galicia Núm. 101 do 30 de maio de 2017, a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta publícase unha resolución cos corenta e dous anteproxectos de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada. Na publicación establécese que o período de exposición pública suxeita á presentación de alegacións é dun prazo de dez días naturais, a contar a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 101, do 30 de maio).

Estando dentro do prazo de exposición citado, e revisado o “Anteproxecto de explotación do Servizo Público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral XG525: Pontevedra-Bueu-Cangas-Vigo con Anexos”, o grupo municipal Asemblea pola Unidade, presenta as seguintes ALEGACIÓNS en relación ás condicións técnicas dos servizos de transporte descritas nos anexos, principalmente no relativo á Liña 1 – Bueu-Vigo E. A., e á Liña 2 Cangas E. A.- Hospital Álvaro Cunqueiro.

ALEGACIÓNS:

Na Liña 1 – Bueu-Vigo E. A.

A primeira saída en días laborables é ás 6:45h dende Bueu, chegando a Vigo ás 8:00h. A hora de chegada a Vigo impide que o transporte público sexa unha opción para as persoas que comezan a traballar ás 8:00h en Vigo, pois hai que sumar o tempo de desprazamento ata o centro de traballo.

Propoñemos unha saída de Bueu ás 6:15h con chegada a Vigo ás 07:30h.

 

Na Liña 2 – Cangas E. A.- Hospital Álvaro Cunqueiro

2.1. Non se entende por que o servizo entre Cangas e o Hospital, entre semana (de luns a venres) ten unha duración de 1 hora, mentres que sábados, domingos e festivos o percorrido ten unha duración de 31 minutos. Propoñemos que o tempo de duración desta liña sexa todos os días da semana de 31 minutos.

2.2. A primeira saída en días laborables é ás 6:30 h dende Cangas, chegando ó Hospital Álvaro Cunqueiro ás 7:30 h. Propoñemos unha saída de Cangas ás 6:00 h con chegada ó Hospital ás 7:00 h.

2.3. Son 13 o número total de paradas entre Cangas e o Hospital, que consideramos excesivo pois repercute negativamente nos usuarios do servizo que na maioría dos casos diríxense a un hospital para realizar probas médicas (ou similares). Propoñemos que nesta ruta de conexión Cangas co Hospital Álvaro Cunqueiro alomenos a metade das viaxes, sexan directas sen pasar polo centro urbano de Vigo, facendo as paradas comprendidas ata Domiao e continuando pola AP-9 ata tomar a correspondente saída cara o Hospital Álvaro Cunqueiro.

 

3.-Servizo Integrado con Escolares

Dito servizo integrado está ausente en todo o Concello de Cangas, pois non se inclúe no anteproxecto ningún centro escolar de referencia deste Concello.

Propoñemos incluír o servizo integrado con escolares no Concello de Cangas, empregando o número máximo de transportes, dando servizo ás 5 parroquias do noso concello

 

4.-Situación das parroquias

 

4.1. Elimínase o servizo que se prestaba na actualidade na parroquia de Coiro (6.817 hab. – 25,64% da poboación do Concello de Cangas, Dato INE Ano 2016).

Propoñemos como mínimo manter o servizo actual de comunicación da parroquia de Coiro (Capela Espírito Santo, Cruce Ameixoada, Igrexa de Coiro, Savín, etc) co centro urbano de Cangas.

4.2. O anteproxecto contempla o Concello de Cangas unicamente como punto de partida ou chegada o centro urbano de Cangas (Estación  Autobuses Cangas). Non achega solucións ou alternativas á mobilidade dende as parroquias ata o centro urbano de Cangas, como podería ser o servizo integrado con escolares.

As principais afectadas son as parroquias de Aldán – Hio – Darbo, que suman practicamente o 50% da poboación do Concello de Cangas.

Consideramos preciso estudar alternativas no transporte de viaxeiros que redunden na mellora da mobilidade e da calidade de vida da veciñanza das parroquias de Aldán – Hío – Darbo – Coiro, de cara a fixar poboación nos núcleos rurais do noso Concello e mellora da cohesión social do noso territorio.

A continuación, móstranse os datos poboacionais asociados ás 5 entidades locais do Concello de Cangas, desglosando o dato que figura na páxina 5 do anteproxecto, sendo a poboación de Cangas no 2016 de 26.584 habitantes, e unha densidade de poboación superior a dos demais municipios presentados no anteproxecto.

 FONTE: INEbase / Nomenclátor: Población del Padrón Continuo por Unidad Poblacional.

Unidade Poboacional

Poboación total

Porcentaxe

Aldán

2482

9,54

Cangas

6820

25,97

Coiro

6817

2573

Darbo

7511

27,92

Hío

2954

10,83

Totais

26584

100

 

Facebook

Twitter