ALEGACIÓN AO “DOCUMENTO BASE DO PLAN DE TRANSPORTE PÚBLICO DE GALICIA”

No Diario Oficial de Galicia Núm. 83 do 30 de abril de 2018, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica o Anuncio do 27 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Mobilidade, polo que se somete a información pública o documento base do Plan de transporte público de Galicia. Na publicación establécese que o período de exposición pública suxeita á presentación de alegacións é dun prazo de vinte días hábiles, a contar a partir do día seguinte ao de publicación do Anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 83, do 30 de abril).

 

Estando dentro do prazo de exposición pública citado, e revisado o “Documento Base do Plan de Transporte Público de Galicia”, o grupo municipal Asemblea pola Unidade, presenta a seguinte EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A comarca do Morrazo precisa outra política de Transporte. Unha política integral que teña como obxectivo prioritario a articulación territorial da comarca. Articulación que debe estar vertebrada por unha interconexión de calidade entre as parroquias, o rural, os núcleos urbanos dos Concellos das Comarcas e a Área metropolitana de Vigo, capaz de dar resposta ás demandas de mobilidade presentes e futuras da nosa poboación.

A comarca do Morrazo ocupa unha extensión duns 140,7 km² e é unha das comarcas máis densamente poboadas de Galicia (590,68 hab/km²). A comarca do Morrazo limita ó norte coa ría de Pontevedra, ó leste coa comarca de Pontevedra, ó sur coa ría de Vigo e ó oeste co océano Atlántico. É unha das comarcas naturais e sociolóxicas con máis carácter de Galiza polo seu condicionamento xeográfico.

Nas DOT os catro Concellos que conforman a comarca do Morrazo (Bueu, Cangas, Marín e Moaña), son considerados NÚCLEOS DE IDENTIDADE DO LITORAL, descritos como segue nas Directrices de Ordenación do Territorio (Bloque 1, Capítulo 2, Apartado 10 sobre a Articulación do Litoral):

2.10.6. Os Núcleos de identidade do litoral:

Os Núcleos de identidade do litoral responden a asentamentos tradicionais cuxa localización estratéxica no bordo costeiro lles confire unha singularidade que os fai merecedores dun tratamento específico. Constitúen ámbitos que, considerados integradamente, permiten recuperar a variedade do litoral como un elemento enriquecedor e xerador de oportunidades. Con todo, o xurdimento desa variedade só poderá darse na medida en que cada Núcleo se perciba como parte dun todo máis amplo e interconectado, de forma que se poidan potenciar as complementariedades e sinerxías necesarias para que cada un poida salientar as accións coherentes coa súa vocación sen xerar debilidades ou perder oportunidades de desenvolvemento senón, pola contra, aumentándoos na medida en que incrementen as súas fortalezas ao participar das dinámicas dos restantes núcleos.

Variedade e carácter son os conceptos fundamentais para lograr un dos principais obxectivos do Modelo territorial para a costa galega: impulsar actuacións de calidade, capaces de aproveitar plenamente o potencial e as oportunidades dun ámbito tan valioso. As infraestruturas existentes e as especificamente propostas para o litoral, a Senda dos Faros e as destinadas a dotar de coherencia as costas das Rexións e Áreas urbanas e ao Sistema urbano intermedio do litoral, constitúen a armazón que debe facilitar interrelacións entre os diferentes Nodos, configurando unha rede urbana para a costa máis sólida, atractiva e eficaz que a actual. (…)

 

Así pois sendo estes Concellos, asentamentos do litoral cunha localización estratéxica no borde costeiro teñen unha singularidade que os fai merecedores dun tratamento específico que impulse actuacións de calidade que poidan aproveitar plenamente o potencial e as oportunidades dun ámbito xeográfico tan valioso.

En definitiva, corresponde ó Plan de Transporte Público de Galiza facer un estudio específico destes núcleos costeiros, para articular con coherencia modelos de mobilidade complementarios ó transporte de viaxeiros por estrada, como o é historicamente nestes concellos o transporte marítimo de viaxeiros.

 

Tamén as Directrices de Ordenación do Territorio (Bloque 1, Capítulo 2, Apartado 11) establecen:

2.11.5. Sistemas de transporte

A clave de futuro para lograr transportes eficientes que aumenten a competitividade das actividades económicas de Galicia e permitan aumentos da mobilidade en condicións de sustentabilidade está na concepción integrada dos diferentes modos e o desenvolvemento de infraestruturas que faciliten a intermodalidade. (…) Neste sentido oriéntanse as propostas das DOT:

  • Desenvolvemento de plataformas loxísticas e centros de transporte que permitan xestionar  eficientemente os procesos de distribución e faciliten o intercambio modal. (…)
  • Concepción integrada dos sistemas de transporte nas Rexións e Áreas urbanas. Neste sentido as propostas do Plan de transporte constitúen un avance fundamental para dotar espazos con crecentes demandas de mobilidade e riscos de conxestión de sistemas de transporte accesibles e sostibles.

As actuacións futuras deben orientarse segundo as seguintes liñas de acción:

  • Extensión dos modos de transporte metropolitano integrados en sistemas de xestión e tarifarios unificados para incluír, ademais dos autobuses urbanos e interurbanos, novas opcións como os ferrocarrís de proximidade, tranvías e metros lixeiros, transporte marítimo metropolitano, etc. Para desenvolver este tipo de actuacións promoverase a creación de o Consorcio metropolitano de Galicia e un ente xestor de ferrocarrís de Galicia.
  • Concepción intermodal das diferentes infraestruturas tales como estacións de autobús, terminais marítimas, estacións e apeadeiros ferroviarios, estacións de alta velocidade, aeroportos, etc.
  • Adecuación dos procesos de desenvolvemento urbano aos puntos de acceso aos sistemas de transporte colectivo e conexión a estes dos puntos de máxima demanda de mobilidade como hospitais, universidades, centros comerciais, polígonos empresariais, portos, estacións e aeroportos, etc.
  • Desenvolvemento de viarios e plataformas reservados en exclusiva para os sistemas de transporte colectivo, sobre todo nas Rexións urbanas e nas Áreas urbanas.
  • Incorporación de aparcadoiros disuasorios nas contornas das Áreas urbanas.
  • Incorporación de vehículos e sistemas con baixo nivel de impacto sonoro, que utilicen enerxías renovables ou non contaminantes e infraestruturas que se integren adecuadamente nos espazos urbanos polos que discorren.
  • Fomento doutras formas de mobilidade sostible: implantación de carrís para bicicletas e sendas peonís.

 

Ademais dos ámbitos das Rexións urbanas, e das principais Áreas urbanas de Galicia considérase necesario desenvolver sistemas integrados de transporte colectivo nos espazos con maior densidade do litoral como as Rías Baixas e na Mariña de Lugo (…)

A importancia de desenvolver sistemas integrados e interconectados de transporte colectivo nestes espazos, (…) suporía un elemento de mellora da mobilidade, un factor de estruturación duns espazos que creceron de forma descoordinada e unha referencia para orientar futuros desenvolvementos.

 

En base a esta exposición de motivos, e visto o documento base do Plan de transporte público de Galicia publicado pola Dirección Xeral de Mobilidade, presentamos as seguintes ALEGACIÓNS:

1 _ O Plan de Transporte Público de Galicia debe ter en conta a especial singularidade dos núcleos costeiros, sendo merecedores dun estudo específico para articular con coherencia un sistema de transporte público integrado, que en ningún caso pode obviar a oportunidade que ofrece o transporte marítimo de viaxeiros, se se pretende acadar o obxetivo de transporte integrado e intermodal. Este plan debe integrar o transporte marítimo e desenvolver sistemas integrados de transporte colectivo, nos espazos de maior densidade litoral como as Rías Baixas.

2 _ A Dirección Xeral comete un grave erro ó interpretar transporte público, como transporte de viaxeiros por estrada exclusivamente, e non atende as propias liñas de acción que marcan as DOT para as actuacións futuras nos sistemas de transporte. Calquera estratexia de mobilidade nestes núcleos de identidade do litoral, debe basearse no estudo das oportunidades que ofrecen as especiais  condicións xeográficas da comarca, debe orientarse a fortalecer e potenciar a súa identidade, integrando o transporte colectivo existente e con forte arraigo na comarca, como o é o transporte marítimo de viaxeiros.

Solicitamos a inclusión do transporte marítimo dentro de este estudo “DOCUMENTO BASE DO PLAN DE TRANSPORTE PÚBLICO DE GALICIA”

3 _ A realidade da comarca do Morrazo é ben distinta no verán e no inverno, dada as características dos concellos turísticos, que nalgún caso chegan a triplicar a súa poboación nos meses estivais. Consideramos imprescindible estudar medidas disuasorias no transporte por estrada, para evitar os problemas de estacionamento nos entornos naturais das praias do Morrazo, e incentivar e fomentar o uso do transporte público e incorporar aparcamentos disuasorios nas contornas dos espazos naturais.

Solicitamos que se teña en conta a diferencia poboacional na época estival reforzando as frecuencias tanto de transporte marítimo como terrestre no  “DOCUMENTO BASE DO PLAN DE TRANSPORTE PÚBLICO DE GALICIA”.

4 _ Adecuar os sistemas de transporte público (por estrada e no transporte de ría), sobre todo no número de liñas e frecuencias, cos puntos de máxima demanda de mobilidade como hospitais, universidades, polígonos empresariais, portos, estacións e aeroportos, etc.

5 _ Apostar polo equilibrio territorial e pola proximidade: A rede de transporte público debe ser vector de equilibrio entre os diversos territorios, garantindo o acceso a servizos a toda a poboación con independencia do seu lugar de residencia. Debe requirir especial atención o fomento dun transporte de proximidade.

Solicitamos  que se inclúa no “DOCUMENTO BASE DO PLAN DE TRANSPORTE PÚBLICO DE GALICIA “ a posibilidade de aumentar o número de frecuencias nos horarios de máxima  demanda e a coordinación de horarios co resto de tranporte público da grandes cidades como Vigo e Pontevedra.

A dispersión poboacional no Concello de Cangas, con máis de 26.000 habitantes en 5 parroquias, e cun transporte público regular de viaxeiros moi deficiente, por número de liñas e sobre todo polas frecuencias, supón que os veciños descarten por completo empregar o transporte público para desprazarse ó centro urbano da vila. O Plan de Transporte non pode contemplar unicamente como punto de partida ou chegada ó centro urbano dos Concellos, debe aportar solucións e alternativas á mobilidade dende as parroquias ata o centro urbano dos Concellos, e viceversa: concepto de transporte integrado e intermodal.

6 _ Garantir a mobilidade en espazos rurais e zonas de baixa densidade de poboación mediante a implantación progresiva de concesións  zonais, uso de vehículos de transporte colectivo de menor tamaño e fomentar outras formas de mobilidade sostible, tanto ciclista como peonil.

Solicitamos a inclusión no “DOCUMENTO BASE DO PLAN DE TRANSPORTE PÚBLICO DE GALICIA”  do tranporte baixo demanda na nosa comarca.

Facebook

Twitter