A nosa participación no REALPE

A nosa compañeira Ánxela VIzoso, Concelleira de Desenvolvemento Económico e Emprego Local do Concello de Cangas, está participando no encontro da Rede de Representantes Electos e Autoridades Locais Progresistas en Europa (REALPE), encontro que se desenvolverá no Parlamento Europeo en Bruxelas e contará con representación de responsables políticos de toda a esquerda europea.

A Concelleira de Asemblea pola Unidade foi convidada polo grupo parlamentario de AGE, xunto con outros 29 cargos municipais galegos, para coñecer en directo o Parlamento Europeo e participar nas xornadas, sendo unha grande oportunidade para o intercambio de opinións con cargos electos doutros lugares, abordar asuntos locais dende unha perspectiva europea, e coñecer outras experiencias e proxectos alternativos de políticas cidadás.

Este encontro financiado polo Parlamento europeo, e co título “Emprego, dereitos sociais e solidariedade entre os municipalismos” inclúe dúas ponencias, unha sobre as Accións que os municipios poden poñer en marcha para o fomento do emprego, a industria e a defensa dos dereitos sociais, o mércores 8 pola tarde, e outra sobre Cooperación entre concellos e boas prácticas para a recepción de refuxiados, que se celebrará o xoves 9 pola mañá.

Neste momento histórico no que o desemprego acada altas cotas e o pouco emprego é cada día máis precario, no que os recortes en dereitos sociais son continuos, faise preciso que os concellos, como administración máis próxima a veciñanza, loiten contra estas situacións, tendo moitas veces que buscar novas alternativas para o desenvolvemento local.

Co fin de acadar estes propósitos é preciso tecer canles de comunicación, onde se avalíen e compartan experiencias de diferentes municipios. Esta é a finalidade da primeira das ponencias, coñecer, compartir e propoñer alternativas ós modelos actuais que logre recuperar o empoderamento e reducir as desigualdades, na que os concellos son axentes fundamentais.

Na segunda ponencia farase unha análise a actual situación das refuxiadas que están chegando a Europa e das campañas de odio e división que están xurdindo dende a extrema dereita a alza en Europa. O papel de apoio e axuda ás refuxiadas por parte dos concellos ten que ser proactivo e solidario, non podemos ver para outro lado e non podemos ser indiferentes ante os crimes que se están a cometer contra estas persoas. Daranse a coñecer accións encabezadas pola cidadanía, ONGs, organizacións políticas e sociais, abrindo posibilidades de cooperación entre concellos de diferentes países de Europa

Por este motivo, é para nós un privilexio que a nosa compañeira participe no encontro, xa que, de seguro, pode aportar a experiencia do traballo de Cangas e traer consigo propostas novas de traballo e de colaboración ao noso concello.

Se queredes ter máis información das persoas que participan e do encontro podedes consultar os seguintes enlaces:

Facebook

Twitter