8 de marzo, Día Internacional das Mulleres

 

A ASEMBLEA POLA UNIDADE  convida a toda a veciñanza de Cangas a participar nos actos do 8 de marzo organizados polo CONSELLO MUNICIPAL DE IGUALDADE durante esta semana, nomeadamente á concentración e actos do martes día 8.

Mulleres e homes volvemos vivir un 8 de marzo en 2016 en situación de desigualdade, recortes, precariedade laboral, pobreza, desemprego… Tamén un ano máis, chegamos ao 8 de marzo convivindo todos os días coas violencias machistas, con asasinatos de mulleres que se tratan con grandes declaracións, cifras e imaxes nos medios de comunicación e pasado o minuto de silencio xa é cousa do pasado.

Un ano máis, e van moitos, centos de miles de persoas en todo o mundo reivindicarán dereitos sociais e políticos, dereitos laborais, dignidade, igualdade e non discriminación para as mulleres.

E entre nós, as políticas estatais e autonómicas neste eido equivalen a nada, isto queda demostrado a través dos datos en diferencias salariais, abandono do posto de traballo por motivos de conciliación familiar, violencias machistas en aumento, descenso de axudas aos CIMs (Centros de Información á Muller) municipais, entre outros.

Os recortes, a crise, foron unha escusa perfecta para que o goberno central e máis o autonómico, da mesma cor e de idéntica ineptitude e sensibilidade, reducisen ata límites inhumanos o orzamento das medidas que xa viñan sendo insuficientes para paliar dende os poderes públicos a situación de desigualdade e precariedade en todos os eidos.

A Asemblea pola Unidade defende un 8 de marzo de loita, reivindicación, solidariedade, e  denuncia da situación , que non só non mellora senón que amosa novas formas: desemprego, pobreza e exclusión que castigan duramente ás mulleres. Recuperemos o espírito inicial das mulleres que impulsaron este día, Día Internacional da Muller Traballadora, para reivindicar mellores condicións salariais, redución da xornada de traballo, en definitiva, igualdade entre homes e mulleres. Reivindicacións que a día de hoxe seguen vixentes, por iso agora e sempre o 8 de marzo non pode ser un día de festa,  por todo isto e mentres non se remate con estas inxustizas todos os días teñen que ser 8 de marzo.

O 8 de marzo, en CANGAS, no MORRAZO, en GALICIA, manifestémonos todas, saiamos á rúa, participemos nas mobilizacións e nos actos convocados dende as diferentes plataformas que saen a berrar polo dereito a igualdade plena.

12828440_586050924879400_6977436588469080959_o

Facebook

Twitter